Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2019 | Actualizada ás 14:44
O BNG propuxo a creación no Parlamento de Galicia dunha comisión de investigación sobre a venda das plantas de Ferroatlántica en Cee-Dumbría e a xestión do grupo Villar Mir na Comunidade galega desde o ano 1992.
Así o anunciou a líder frontista, Ana Pontón, tras manter unha reunión con traballadores das plantas situadas na Costa da Morte, quen, a comezos do presente mes tras confirmarse a venda das fábricas a un fondo estadounidense, iniciaron un calendario de protestas semanais fronte ao Concello de Cee (A Coruña) para reclamar á Xunta "que se pronuncie" sobre esta operación, que inclúe a explotación das centrais hidroeléctricas.
"A día de hoxe non hai un só documento sobre a compravenda das accións", afirmou o portavoz do comité de empresa, Alberto Mouzo, que expresou a inquietude dos traballadores polo plan de viabilidade e de investimentos futuros nas plantas da Costa da Morte "que Feijóo dixo en sede parlamentaria que ía esixir".
Pontón cualificou de "moi preocupante" a situación das plantas de Cee-Dumbría, un caso que, para a líder frontista, exemplifica "cal é a política industrial do Goberno de Feijóo" porque "permite a un amigo do PP que faga caixa cos recursos naturais de Galicia" mentres "sementa dúbidas" sobre o futuro das factorías pola falta de concrección dun plan de investimentos e de modernización.
Nesta liña, alertou que "non hai garantía" do mantemento dos postos de traballo nesta operación que é "incerta" porque o grupo de Villar Mir "non retira o recurso presentado" conta a prohibición da segregación das plantas e a explotación das centrais hidroelécticas, algo que "se se permitise sería moi grave" para "unha comarca con problemas" como é, segundo Pontón, a Costa da Morte.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.