Da importancia do asunto fala o que a desafortunada proposición fora aprobada por unanimidade. É sabido que os tres grupos parlamentarios galegos –PP, PSOE e BNG- viven nun permanente rifirrafe e non se poñen de acordo nin para pañar euros. Tanto se regalan un xurelo de nai descoñecida como se botan á cara un puño de manifestantes, unha cafetería ou unha ducia de fotocopias A3 en cor. Tal é o enrarecido clima que cohabita o Parlamento galego neste tramo letal da lexislatura.
Con todo, os tres grupos non vacilaron en poñerse de acordo para invadir coa súa proposta a pacífica Comarca do Bierzo. A iniciativa partiu das deputadas socialistas Acuña e Verdes, pero foi de imediato abducida polo deputado popular Fraga, ata o punto de que, minutos logo de ser perpetrada a decisión na Comisión de Agricultura, ambos grupos –PP e PSOE- emitían senllas e rimbombantes notas de prensa atribuíndose en exclusiva o mérito da fechoría. Polo menos, o BNG mantivo un discreto silencio.
A Proposición non de Lei en cuestión “insta a Xunta de Galicia a implementar medidas de estímulo á produción e comercialización do botelo e dá androlla, baixo formulas de diferenciación e certificación de calidade”. Non se producía unha agresión tan gratuíta ao Bierzo desde que Camilo Nogueira propuxo en 1978, na Comisión dos 16, incorporar ao Estatuto de Galicia a facultade de “anexionarse os territorios limítrofes”. Tal foi o impacto que desde Arxentina a presidenta Cristina expresou a súa solidariedade co Bierzo: “Exprópienlles algo a eses galegos –dixo- non se engurren ante o novo colonialismo”.
A reacción berciana non se fixo esperar. O Consello Comarcal do Bierzo reuniuse de urxencia para analizar as represalias. “Valoramos a posibilidade de cortarlles o Camiño de Santiago e que acabe na porta do Perdón de Villafranca, de onde nunca debeu pasar”, manifestou o presidente do Consello, Alfonso Arias, alcalde de Molinaseca, a patria chico do botillo, e el mesmo líder universal do botillismo. “Si, é verdade que facemos as etiquetas en China -engadiu Arias-, pero só as etiquetas. Rexeite imitacións”.
O líder do independentismo berciano, Tarsicio Carballo, propuxo declarar galegos non gratos aos deputados da Comisión de Agricultura: “Non temos nada contra A Fonsagrada, pero butelo nin sequera vén no dicionario”. O zarampallo maior da Cofradía do Botillo, Ramirín Manzano, iniciou unha folga de fame indefinida en protesta pola falcatruada galaica. Tamén se reuniu en Compostela o sanedrín da quinta columna berciana no exilio, presidido por D.P. –cuxo nome non se desvela por razóns de seguridade-, quen criticou a miopía xeneralizada: “Botillo, chorizo e androlla son tres persoas e un só deus verdadeiro: o botillo do Bierzo. Aínda que a min gústame máis o de Laciana, pa que nos imos a enganar”. @Tornarratos