Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2019 | Actualizada ás 18:46
A deputada do PSOE pola Coruña Pilar Cancela insistiu no rexeitamento dos socialistas a que haxa un Goberno de coalición "bicéfalo" con dous líderes políticos de diferentes partidos, algo no que Galicia ten "experiencia" co bipartito da Xunta, entre 2005 e 2009.
"Unha das reflexións que fixemos --no seo do partido-- é que nós perdemos o goberno da Xunta, entre outras razóns, porque a cidadanía percibiu que había dous presidentes e que un actuaba ás costas o un do outro", abordou, nunha entrevista concedida este domingo á Cadena Ser, recollida por Europa Press.
En calquera caso, Cancela mostrouse partidaria de que "as forzas da esquerda teñen que entenderse", pero advertiu que unha negociación "non pode ser inmutable". A deputada admitiu que lle dá "un pouquiño de apuro" que agora haxa que pedirlles o voto aos cidadáns de novo para o 10 de novembro, "porque iso significa que hai un fracaso na acción política".
Así, co escenario electoral xa inevitable, dixo "non entender" que se o Partido Socialista foi o partido máis votado o 28 de abril "cunha diferenza tan importante" con respecto á segunda, terceira e cuarta forza --PP, Cs e Unidas Podemos--, que "se puxese en cuestión" o seu liderado para formar un novo Executivo.
"NON DEPENDER DOS INDEPENDENTISTAS"
Preguntada sobre se a nova cita electoral conseguirá pór as cousas no seu sitio, a socialista dixo "entender" o "cabreo" da cidadanía, que "ten toda a razón". Non en balde, fixo un chamamento a que os resultados electorais "permitan asentar" e formar un Goberno "moito máis forte" e que "non dependa tanto das forzas independentistas".
En relación con iso, lembrou que durante a practicamente extinta XIII lexislatura, o PSOE e Unidas Podemos "non tiñan a maioría", o que implicaba en que un eventual Goberno tería que estar "permanentemente dependendo de forzas anticonstitucionalistas".
E é que, para Cancela, no caso de que formasen un Executivo con Unidas Podemos, este sería "inestable" estaría abocado a eleccións "en oito ou nove meses". Ademais, fixo referencia á inminente saída da sentenza do 'procés', "e a posición de Unidas Podemos non é unha posición que poida marcar o seu líder, porque vai estar condicionado pola súa confluencia de Cataluña".
Neste sentido, lembrou que a alcaldesa de Barcelona e líder de En Comú Podem, Ada Colau, apoia o chamamento á mobilización se o fallo é desfavorable aos políticos independentistas. "Non se pode pensar que iso non ía afectar ao Goberno", abordou Pilar Cancela. Así, valorou o "exercicio de responsabilidade" de Pedro Sánchez, quen nese contexto "prefire preguntar á cidadanía" de novo para que diga "quen quere que goberne con maior estabilidade".
UNHA MAIORÍA ALTERNATIVA A FEIJÓO
A un ano vista das eleccións galegas do 2020, a deputada do PSOE considera que a "obrigación" dos socialistas de Galicia, capitaneados por Gonzalo Caballero, é "tentar" construír unha maioría alternativa ao PP de Alberto Núñez Feijóo se este perde a maioría absoluta no Pazo do Hórreo.
A modo de exemplo puxo os comicios locais do 2015, cando no tres grandes cidades da provincia da Coruña --ademais da capital, Santiago e Ferrol-- as mareas "obtiveron moi bos resultados" e os socialistas "apoiaron" eses gobernos aínda que en dous deles decidisen non entrar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.