A dieta atlántica busca o seu recoñecemento como Patrimonio Mundial da UNESCO

O marisco, o polbo, as carnes, os peixes ou os viños da fachada atlántica galego-portuguesa buscan o seu recoñecemento. Entidades de Galicia e Portugal queren que acade este recoñecemento igual que xa ten a dieta mediterránea. Porán en marcha un grupo de traballo para presentar unha proposta en 2021, ano Xacobeo.

Por Galicia Confidencial | Braga | 24/09/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Por que a dieta atlántica no pode ser Patrimonio Mundial da UNESCO? Hai seis anos, a dieta mediterránea acadaba esta consideración logo dunha importante campaña do Goberno español. Desta volta, son galegos e portugueses os que se puxeron dacordo para impulsar esta candidatura.

Copa de viño albariño
Copa de viño albariño | Fonte: remitida

O seu lanzamento formal será o punto central da I Melting Gastronomy Summit, que se celebrará o 14, 15 e 16 de novembro no Porto. E o proxecto pretende ser concretado no 2021, ano no que en Galicia é ano Xacobeo. Por iso, o ano vindeiro será fundamental para afondar na presentación desta candidatura.

A idea comezou a gañar corpo hai un ano e medio no InternovaMarket-Food, un proxecto de cooperación transfronteiriza entre o Norte de Portugal e Galicia, orientado para a competitividade empresarial e financiado por fondos europeos. O proxecto reúne cinco entidades galegas e catro portuguesas.

POLBO, PEIXE, CALDOS, SOPAS E VIÑOS

"O receitario galaico-duriense inspirou toda a gastronomia da rexión Norte e da propia Galiza", sinala o presidente da Asociación para a Promoción da Gastronomia e Viños (AGAVI), António Souza-Cardoso. Entre estas receitas típicas da dieta atlántica entre as dúas beiras da fronteira está o polbo, o marisco, o peixe, os caldos e as sopas ou os viños albariño.

Mariscos galegos
Mariscos galegos | Fonte: PDRA.

Por iso, para o lanzamento da candidatura faise necesario preservar e mapear ese receitario común dos dous países como contrapunto coa dieta mediterránea, que en 2013 foi clasificada como Patrimonio Mundial e Imaterial da Humanidade pola UNESCO. "Debemos acentuar que tamén temos unha xanela atlántica que merece ser rexistrada e diferenciada a nivel gastronómico, por estar moi ancorada no mar, no consumo de peixe e de marisco e que está no centro dunha gastronomia riquísima", destacou o presidente da AGAVI.

Para acadar este obxectivo, na I Melting Gastronomy Summit a constituirase a Confraría da Dieta Atlántica, un grupo de traballo que ten como obxectivo crear o informe final desta candidatura. Precisamente, será Portugal o país que quere "capitanear" ese equipo de traballo para presentar ante a UNESCO ese proxecto. "Temos que ser nós os capitáns de equipo desta cruzada que é transformar a dieta atlántica nunha dieta de tendencia e de futuro", indicou no JN António Souza-Cardoso. Unha candidatura que será presentada en 16 de novembro, no Día Internacional do Mar.

APOIO ESPAÑOL Á DIETA MEDITERRÁNEA

Tanto en Galicia, coma no país luso consideran que a dieta atlántica ten os mesmos requisitos para obter ese recoñecemento que tivo no seu día a dieta mediterránea. A iniciativa de presentar a candidatura da dieta mediterránea xurdiu en España e foi elaborada grazas á colaboración entre a Fundación Dieta Mediterránea e o propio Goberno español. En 2003 foi presentada conxuntamente por España, Grecia, Italia e Marrocos e obtivo o seu recoñecemento dez anos despois.

O proxecto luso-galaico InternovaMarket-Food inclúe as entidades galegas Centro Tecnolóxico de Carne, Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Confederación de Empresarios de Lugo e asociación empresarial ANFACO-CECOPESCA e as portuguesas Asociación Empresarial de Portugal (AEP), Instituto Politécnico de Bragança e Instituto Politécnico de Viana do Castelo, alén da AGAVI.

Dieta atlántica
Dieta atlántica | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Marian

Buena noticia! :)