Luís Villares abre a porta a colaborar co partido de Errejón e outras forzas do Estado

Continúa coas negociacións para unha candidatura única de "forzas galegas". Grupo Común da Esquerda menosprecia ao partido do que formaron parte e di que "non hai ningún dato" que faga pensar que os de Villares "poderían mellorar" o 1 por cento de apoios logrados nos últimos comicios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2019 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que sería "positiva" unha cooperación "leal e horizontal" da súa formación co partido que lidera Íñigo Errejón de cara ás novas eleccións xerais do 10 de novembro. Unha colaboración que se faría extensiva a outras forzas do estado, como Compromís ou a Chunta Aragonesista, entre outras.

Íñigo Errejón
Íñigo Errejón | Fonte: Más Madrid.

Preguntado pola decisión tomada pola asemblea de Más Madrid de concorrer aos comicios estatais, Villares defendeu que En Marea "comparte os motivos" deste partido para concorrer a esta cita electoral e que, segundo indicou, pasan por configurar unha "reacción en positivo" fronte á "abstención, a fartura e á decepción" que existe entre a cidadanía ante a falta de acordos para a configuración dun goberno de progreso.

E é que Villares considera que "interlocutores" como os que poden "nacer a partir destas eleccións", como o caso de máis Madrid, Compromis ou "outras forzas" coas que En Marea ten "afinidades", poden "facilitar e moito a implantación dunha axenda política galega no Estado e dunha axenda social que amplíe liberdades e dereitos".

"Nós estamos preocupados por tres emerxencias: a emerxencia feminista, a emerxencia climática e a emerxencia social e, por tanto, son tres eixos nos que poderiamos entendernos perfectamente con outras forzas políticas do ámbito estatal nunha cooperación leal e horizontal", apuntou.

PARTICIPACIÓN DE CAROLINA BESCANSA

Ademais, preguntado por unha eventual participación da que fose unha das fundadoras de Podemos, a galega Carolina Bescansa neste proxecto, aínda que abriu a porta a esta posibilidade, deixou claro que as "primarias" son "sempre irrenunciables" para En Marea.

"Creo que Bescansa é un activo político valioso e unha persoa que aínda ten moito que dicir en política", manifestou para subliñar en que Máis Madrid aínda debe decidir se se presentan en máis comunidades que na Madrileña.

ALIANZA "COMPATIBLE"

Preguntado sobre se esta posible alianza co partido de Íñigo Errejón encaixaría coa "candidatura única" de "forzas progresistas galegas" que acordou impulsar esta fin de semana o Consello das Mareas, o maxistrado lucense en excedencia considerou que "as dúas propostas son compatibles".

Respecto diso, indicou que a proposta de "candidatura única unitaria" que defende En Marea "ten a virtualidade de ser a única que hai enriba da mesa que propón que todas as forzas políticas galegas que respondan a esas características vaian na mesma dirección", cuestión que considera "complementaria" a "buscar alianzas con outras forzas noutros territorios" cos que En Marea "comparta a axenda social e poida negociar a implementación dunha axenda política galega".

"Somos conscientes de que sacar adiante unha axenda desas características require sumar maiorías. Nesa procura sabemos que unha cooperación leal con espazos que respecten a nosa singularidade nacional e a nosa visión do espazo en Galicia, é un espazo idóneo co que cooperar", apuntou.

GRUPO COMÚN DA ESQUERDA

Pola súa banda, a deputada do Grupo Común da Esquerda Luca Chao, membro da dirección de Podemos Galicia, rexeitou opinar sobre o paso adiante de Errejón cunha posible candidatura en Galicia: "É unha forza distinta á nosa, alá cada un coas súas estratexias".

Preguntada sobre como podería influír unha eventual coalición de Más Madrid con En Marea, Chao asegurou que "non hai ningún dato" que faga pensar que os de Villares "poderían mellorar" o 1 por cento de apoios logrados en Galicia nos comicios do 28 de abril. "Igual neste caso Pacma, efectivamente, supéraos", lembrou.

Así mesmo, a deputada autonómica rexeitou opinar, como si fixo Villares, sobre se Carolina Bescansa é un bo activo político ou non. "Non estamos no mesmo partido, non vou ser eu quen xulgue aos candidatos doutras formacións", dixo, asumindo que a compostelá podería acudir nunha lista da iniciativa de Errejón.

En calquera caso, Chao negou que En Marea se puxese en contacto co Grupo Común da Esquerda —onde se enmarcan, maioritariamente, Podemos, Esquerda Unida e Anova— para conformar esa candidatura "progresista" que reclama Villares de cara ao 10N. "En ningún caso. Connosco, de momento non", respondeu.

Pola súa banda, a tamén deputada de Común da Esquerda e coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, asegurou que o salto á política estatal da formación que lidera Íñigo Errejón "non é unha boa noticia" e "fai dano á esquerda".

"Errejón é unha persoa solvente, cunha capacidade política demostrada. Pero as diferenzas nas organizacións non se poden resolver con candidaturas personalistas", incidiu Solla.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Bendito Chiringuito

Villares perdeu o Norte (se é que realmente o tivo noutro tempo), e tropeza nunha pedra aínda máis afiada! Dito o anterior, arrepia a soberbia coa que fala a Chao. A mesma que empregan con frecuencia os fans do BNG. Pois si, os encantados con Villares son moi poucos, mais en Podemos e PcE (os trepas situados), e no BNG non están para presumir de apoios maioritarios. Diría máis, é ben probable que en outubro ningún saque rerepresentantes galegos. O PsoEspañol vai fagocitar os partidiños da reserva. Logo, desde a esquerda mete medo quen desde posicións ridículas mira por riba aos demáis! Ou dá risa, coñecendo a política galega, señora Chao!

2 Desmareado

Villares na súa faceta de comediante. Pide lealdade á escisión traidora do partido que traizoou á En Marea orixinal, a esa banda de oportunistas chamada Más Madrid, e despois di que son compatibles coa axenda galega, dá risa. O de Bescansa como activo político xa nen o comento. A campaña promete momentos moi divertidos.

1 Desbloqueado

O momento máis divertido vai ser cando o BNG volva quedar fóra do Congreso por cuarta vez.

2 Desmareado

Desbloqueado, podes rir se o bloque non acada representación mais non será por mor de non ir xuntos con Villares. Se de verdade En Marea quere candidatura galega única, o primeiro que ten que facer é botar o xuíz fóra porque este só quere sobrevivir politicamente a calquera prezo. Logo que se definan ideoloxicamente con claridade e entón piden a unión electoral.

1 lóstrego

Villares: non sabes onde caerte morto, politicamente falando.