O partido de Villares asegura que dá "prioridade" á alianza de forzas galegas incluído o BNG, que lles pide que "se aclaren"

En Marea confía en integrarse dentro da plataforma "plurinacional" de Errejón e Compromís, con quen di ter "contactos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2019 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

En Marea mantén a porta aberta a integrarse na "plataforma plurinacional" promovida polo partido de Íñigo Errejón, Máis Madrid, e Compromís, con quen a organización que lidera Luís Villares di manter "un contacto moi fluído" de cara a "repetir a alianza" coa que concorreron galegos e valencianos ás eleccións europeas do pasado mes de maio.

Con todo, segundo apuntou este xoves o deputado do grupo mixto e membro da dirección de En Marea Pancho Casal, a "prioridade" da organización é chegar a un acordo con forzas galegas para concorrer ás eleccións xerais do próximo 10 de novembro baixo "unha plataforma de partidos que teñan a súa soberanía en Galicia", entre os que sitúan ao BNG, Compromiso por Galicia ou Anova, con quen En Marea rompeu relacións tras o 'divorcio' do partido instrumental.

Minutos despois, noutra rolda de prensa celebrada no Parlamento de Galicia este xoves, a deputada da formación frontista Olalla Rodil instou a En Marea a "aclararse". "Primeiro lanzaron unha proposta de país e despois empezaron a coquetear con Errejón. Que se aclaren", espetou a parlamentaria nacionalista.

Así as cousas, a tres días do peche do prazo para rexistrar coalicións para o 10N e con aínda a incógnita de en que circunscricións presentarase a formación de Errejón, En Marea confía en que poidan frutificar ambas as ofertas: a creación dunha alianza de forzas galegas e, á súa vez, a unión coa "plataforma confederal" que "vehiculiza" Compromís.

Casal asegurou que a cúpula da organización mantén un "contacto moi fluído" tanto con "as forzas galegas" como coa fronte valenciana, que se decantou por presentarse ás xerais en alianza con Errejón e non cos seus socios no goberno da comunidade, Unidas Podemos.

"É imprescindible unha coordinación plurinacional porque os erros do pasado deben valer para aprender a facelo ben", sinalou Pancho Casal, en alusión ás relacións das confluencias territoriais coa dirección de Podemos.

O deputado do Grupo Mixto Francisco Casal na rolda de prensa
O deputado do Grupo Mixto Francisco Casal na rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Amancio Vila

Surrealista, o diste "partido" é surrealista. Plataforma soberanista plurinacional galega errejonista bloqueira podemita cxg anova? Están máis perdidos que a arca da alianza (popular). Espero e desexo que o BNG se manteña afastado de todos istes armadanzas e siga na súa liña ascendente como únicos nacionalistas galegos de esquerdas.