Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/10/2019 | Actualizada ás 14:00
O movemento antitaurino galego vén de antergo. Se ben a tradición das touradas non colleu tanta forza en Galicia coma noutros lugares do Estado, o certo é que aínda hoxe en día segue habendo no país unha praza de touros en funcionamento, a de Pontevedra. Botando a vista atrás, houbo un momento no que Galicia chegou a albergar 12 prazas destinadas á celebración das touradas. Na actualidade o público que acode á única en pé é moi reducido. Existen algunhas peñas pero nin estar organizadas nin teñen un traballo constante.
Un dos colectivos máis activos en contra das touradas no país é 'Galicia, mellor sen touradas'. Segundo relata un dos seus integrantes, Rubén Pérez Sueiras, "en Galicia o movemento antitaurino é moi transversal e acadou un peso político importante en comparación co lobby taurino". As touradas ou eventos relacionados implícanse de xeito "artificioso": só tres municipios desenvolveron o ano pasado algún tipo de actividade desta índole. Está, por unha banda, o caso das capeas en Valga, fronte ás que a plataforma iniciou unha intensa campaña para a súa substitución. Pola outra, atópase a praza de touros de Pontevedra, que é considerada o último reduto do taurinismo en Galicia. Os seus propietarios non quixeron conceder entrevista. Tampouco pode faltar na lista a Festa do Boi de Allariz á que o Ministerio de Cultura considera "espectáculo taurino". Triacastela ou Sarria son outros concellos que tamén "intentaron impoñer unha idea de ocio que non ten arraigamento".
A respecto de Pontevedra, a plataforma Touradas fóra de Pontevedra, unha asamblea cidadán e apartidista formada por persoas que as une o rexeitamento á tauromaquia, é a impulsora de moitas das protestas que se teñen desenvolvido na cidade. Baixo o lema "Agora Abolición" convocaron este verán unha das máis grandes manifestacións da urbe para esixir a fin das touradas. Aseguran que cada vez son menos as persoas que defenden este tipo de eventos e que a feira taurina de Pontevedra está "nunha época de decadencia". Esixen, ademais, que sexa eliminada calquera axuda pública a esta práctica.
Pérez Sueiras remóntase á época do PP de Fraga para explicar a pouca afección aos touros que sempre caracterizou o país. "Incluso aqueles gobernos non eran especialmente taurinos. De feito, a Manuel Fraga, a pesar da intrahistoria que ten ese home, non lle gustaban as touradas", conta.
O ANTITAURINISMO DOS PERSOEIROS HISTÓRICOS GALEGOS
Pódese andar máis cara atrás no tempo e descubrir a loita antitaurinista de grandes persoeiros galegos. Esta foi, precisamente, a teima que tivo o xornalista e historiador Juan Ignacio Codina, autor do libro 'Pan y Toros. Breve historia del pensamiento antitaurino español'. Neste libro recolle as manifestacións públicas que moitos personaxes históricos viñeron expresando dende o século XIII. Segundo conta Codina, a súa intención con este traballo de investigación era demostrar que o movemento abolicionista non é unha moda.
"Había certa insistencia dende sectores tauromáticos en dicir que o antitaurinismo era unha moda. Iso indignábame. Querían reducir todo un movemento social a algo pasaxeiro, a unha 'canción do verán'". Lonxe diso, Codina relata que é unha corrente de pensamento moi antiga que comparte uns argumentos que se mantiveron invariables durante moitos séculos.
Entre os nomes galegos que aparecen en Pan y Toros destacan tres: Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez e Frei Benito Xerónimo Feijoo. De Pardo Bazán, Codina relata que experimentou na súa propia vida unha "evolución desde un certo afecto taurino na súa mocidade ata unha clara oposición ás touradas na idade adulta". De feito, Pardo Bazán, nun dos seus artigos - publicado en 1911 no Diario da Mariña - incluso expresa que celebraría que non se organizaran máis touradas.
Pola súa banda, Xerónimo Feijoo, un dos grandes nomes do pensamento ilustrado no século XVIII, foi un defensor dos animais, aos que entendía "seres dotados de racionalidade e sensibilidade". De aí o seu antiturismo, que o levou a describir a morte de touros nas prazas como unha "carnicería", conta Codina. De Wenceslao Fernández Flórez, Codina explica que ao longo do seu extenso traballo xornalístico, e nalgúns dos seus libros, o coruñés móstrase como un "antitaurino convencido", sen ocultar que un dos motivos da súa posición é a denuncia de crueldade cos animais.
Para Codina, o nexo en común destes tres pensadores é que "centran a crítica en que o touro é a vítima, acosada co obxectivo de sacar o peor del". E segundo di, a clave para facer triunfar a loita abolicionista na actualidade está en que a propia sociedade, "dunha maneira máis maioritaria", demande aos poderes a prohibición da tauromaquia. "Intentouse dunha maneira vertical e non tivo efecto".
COMO RESPONDEN AS INSTITUCIÓNS GALEGAS?
Dende 'Galicia, mellor sen touradas' son moi críticos co goberno local de Pontevedra. Entenden que segue habendo un "subsidio indirecto a través dese convenio de arrendamento que se fai da praza de touros", e fronte a esta xestión, o colecto propón que paguen un prezo de mercado se queren arrendar a praza. "O goberno podería ter unha postura moito máis crítica e podería dificultar máis a realización destas actividades", comenta Pérez Sueiras. No canto diso, a veciñanza acaba pagando parte dunha actividade privada que non está no programa de festas, recalca.
Para a praza de touros, fronte á que se teñen desenvolvido numerosas manifestacións abolicionistas, o colectivo desexa unha nova vida: "temos formulado un proceso de reconversión", de maneira que a praza se expropie e pase a ser de dominio público. Xa logo, propoñen convertela nun espazo común a toda a veciñanza, que se adapte ás características de Pontevedra.
Do concello de Valga, Pérez Sueiros relata que "ignoran deliberadamente" as propostas que se lle veñen facendo de substituír as capeas por outro tipo de actividades. Máis alá disto, o goberno local vén de recibir un expediente sancionador pola presenza de menores. "É curioso que a administración pública se permita o luxo de incumprir a lei", sentenza o colectivo.
Pola súa banda, en febreiro de 2013 un grupo de deputadas e deputados formaban o Fronte Antitaurino, que botaba a andar no Parlamento de Galicia. Hoxe segue en funcionamento, pero as súas últimas iniciativas saíron rexeitadas cos votos do PP. 'Galicia, mellor sen touradas', que foi a impulsora da creación desta Fronte, ten a vista posta nas eleccións autonómicas do 2020. Ven nelas a oportunidade de que as forzas políticas que están en contra das touradas sumen maioría e poidan, así, revisar a Lei de Protección Animal que na actualidade impide prohibilas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.