Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2019 | Actualizada ás 17:59
Un cento de veciños concentrouse este sábado en Cambre, onde cortaron o tráfico na zona do Amorne, para protestar polo trazado que proxecta a Xunta da ligazón da Vía Ártabra coa AP-9.
A Asociación de Veciños de Cambre Afectados por Infraestruturas alerta de que esta obra suporá "a destrución do humidal da Gándara". Lembran que este humidal está catalogado dentro do Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia.
Así mesmo, avisa de "grandes consecuencias", xa que non resolverá os problemas de mobilidade, pois "as estradas secundarias de Cambre seguirán sendo usadas polo tráfico máis pesado, acumulando crecientemente máis tráfico".
A esta protesta acudiron, entre outros, o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño (UxC), así como representantes dos municipios de Culleredo e Carral.
Respecto diso, o rexedor cambrés sinalou que o pleno municipal considerou por maioría "un prexuízo para o espazo ambiental" este trazado, á vez que asegura que seguirán traballando para que "se garanta a execución dun viario que non afecte a unha peza fundamental na infraestrutura verde do municipio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.