Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/02/2025 | Actualizada ás 21:50
Se nos preguntan por un accidente de tren, o que a todos os galegos se nos pasa primeiro pola cabeza é o de Angrois. Aquel fatídico 24 de xullo do ano 2013 no que un descarrilamento ferroviario no lugar de Angrois, no concello de Santiago, custou a vida a 80 persoas, resultando outras 144 feridas do total de 224 viaxeiros que levaba o tren. Ata o momento, ese foi o accidente de tren máis grave da historia de Galicia e hai fontes que sinalan a que tamén da historia de España, se ben hai hipóteses que apuntan ao accidente do 3 de xaneiro de 1944 en Torre del Bierzo (100 falecidos e 111 feridos) como o máis grave a nivel nacional.
Sexa como fose, todos lembramos o acontecido aquel día: a 3 quilómetros da entrada á estación de Santiago, ao final da recta da liña de alta velocidade que cruza o barrio do Eixo, nun punto no que a vía traza unha curva pechada, chamada a curva da Grandeira, limitada a 80 quilómetros por hora, o tren, que circulaba a 191 km/h, saíuse da trazada provocando o fatal desenlace. No xuízo foron condenados por igual o maquinista e o ex xefe de Seguridade na Circulación de Adif, como causantes de 79 delitos de homicidio por neglixencia profesional grave.
20 DE MAIO DE 1952: UNHA DUCIA DE VAGÓNS CISTERNA CARGADOS CON 45.000 LITROS DE COMBUSTIBLE CHOCAN CONTRA UN TREN DE VIAXEIROS
Se ben, máis aló do accidente de Angrois en Galicia tamén houbo con anterioridade outros accidentes ferroviarios e, para atopar algúns dos máis graves, habería que remontarse moitos anos atrás na Historia deste medio de transporte na nosa terra, á que chegou oficialmente o 15 de setembro de 1873, coa inauguración da liña ferroviaria entre as estacións de Carril (Vilagarcía de Arousa) e Cornes (Santiago de Compostela). O accidente de tren máis grave daqueles finais do século XIX e tamén de todo o século XX en Galicia tivo lugar o día 20 de maio de 1952 na recta de Pazos (entre as estacións de Padrón e A Escravitude).
Aquel día un tren estaba facendo manobras na estación da Escravitude e, por un fallo de freos, escapáronselle cara Padrón unha ducia de vagóns cisterna cargados con 45.000 litros de combustible destinados a subministrar á capital galega. Estes vagóns bateron contra un tren de viaxeiros que subía de Padrón cara Santiago, formado por unha máquina, o furgón do correo, un coche de primeira clase, dous de segunda e outro mixto. A consecuencia do choque, racharon as cisternas, derramando o combustible polo tren e prendendo lume nel, ate arder completamente. Naquel accidente morreron oficialmente 23 persoas e houbo decenas de feridos.
29 DE DECEMBRO DE 1940: UN TREN GANDEIRO DESVIADO POR ERRO CARA O RAMAL DE VILAGARCÍA DESCARRILA A GRAN VELOCIDADE E CAE AO MAR
Outro dos accidentes máis famosos da Historia do ferrocarril en Galicia remóntase tamén ao século pasado. Aconteceu na noite do 29 de decembro de 1940, cando un tren gandeiro foi desviado erroneamente cara o ramal de Vilagarcía, caendo ao mar. Eran as 21.00 horas cando entrou na estación o tren de correo procedente de Madrid, con dirección a Santiago, e, ao sufrir unha avaría, a locomotora substituíuse pola do tren gandeiro que agardaba o cruce para continuar ata Pontevedra. Realizouse o cambio pertinente e o tren continuou camiño. Ao tren gandeiro colocóuselle a locomotora Río Ulla, que era a que conducía os trens ao peirao. A agulla (aparato que permite aos trens cambiar dunha vía a outra) que facía o cambio de sentido ao peirao ou mantiña a dirección a Pontevedra estaba situada nas proximidades do paso a nivel.
A esa hora da noite estaba no servizo a muller do garda-agullas coñecido como Patoula, que se atopaba ceando nese intre. Cando a Río Ulla saíu arrastrando o tren gandeiro, fixo soar o asubio e, inmediatamente, a muller identificou ese son coa petición do desvío ao porto, así que cambiou a agulla. Deste xeito, o tren dirixiuse cara o porto a gran velocidade e, ao ser de noite, o maquinista e o fogoneiro viron como o tren cruzaba a estrada. O primeiro deles saltou ao momento, e resultou ferido grave. O tren cruzou a estrada encarrilando de novo e continuando cara o mar. A pesar do esforzo do fogoneiro por detelo, non o conseguiu. Parte do tren caeu á auga seguido pola locomotora que se afundiu, provocando a morte do fogoneiro e do gando.
Este accidente popularizouse nunha canción collida da tradición mexicana que mesmo chegou a interpretar Joan Manuel Serrat:
"El tren que corría por la ancha vía,
de pronto se fue a estrellar,
contra una gabarra que estaba anclada
en el muelle del Ramal.
Y el fogonero, con las tripas fuera
miraba hacia el guiador,
que estaba sentado en medio de la vía,
buscando el sombrero, para cubrirse del sol.
Y esto todo sucedía,
sin saber cómo ni cuándo,
y la máquina seguía,
pita, pita, caminando."
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.