Mapa do baleiro industrial: Alcoa Coruña, outro futuro incerto tras acabar nun fondo de investimento estranxeiro

A fábrica de aluminio da Coruña vive momentos de espera. O fondo Parter, novo propietario, anunciou unha serie de movementos que de momento están no aire. A incerteza entre os traballadores é máxima e así o transmiten nesta reportaxe.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As partes chegaron a un acordo a finais de xullo de 2019. A fábrica de aluminio da Coruña, propiedade da americana Alcoa, pasaba a mans do fondo de investimento suízo Parter. Acababa, en principio, a mobilización de traballadores e traballadoras pedindo a continuidade da actividade industrial, a rebaixa do prezo da enerxía e a viabilidade da planta. Foron meses de negociacións, de presión e de manifestacións en defensa dos postos de traballo.

Protesta de traballadores de Alcoa da Coruña. CEDIDA - Arquivo
Protesta de traballadores de Alcoa da Coruña. CEDIDA - Arquivo

Finalmente, logo dos tira-puxas de todas as partes, chehouse ao acordo de venda. Un respiro para os e traballadoras e as súas familias. O cambio de nome foi o primeiro paso, Alu Ibérica LC (La Coruña). O seguinte paso, coñecer as intencións dos novos propietarios e se será posible a súa concreción.

CALMA RELATIVA

A postura expresada desde o comité de empresa é de ter os ollos abertos e non mobilización. O motivo que está detrás é a espera dos resultados do 10N. Queren estar á marxe, mais expectantes, durante a precampaña e a campaña electoral. Ven primordial a existencia dun goberno en firme para logo pór sobre a mesa de negociacións os puntos que quedaron soltos e deben quedar por escrito. O camiño aínda está por comezar, Parter aterrou hai só uns meses e todo está por facer.

“Os ánimos non son os que nos gustaría, a empresa pediu uns meses para valorar o traballo por facer e poder materializalo” di Juan Carlos Corbacho, de CCOO. “O máis seguro é que Parter estea aínda arranxando cuestións comerciais e de financiamento, mais iso non o estamos seguindo”.

Manifestación contra o peche de Alcoa
Manifestación contra o peche de Alcoa | Fonte: E.P.

As familias que viven desta fábrica de aluminio superan as trescentas. “Seriamos arredor de 340 ou 350 traballadores dentro da factoría” di Julio Moskowich da CIG. “Como deixamos de saír tanto na prensa e non houbo despedimentos, os postos de traballo están garantidos polo menos dous anos se se cumpren unha serie de garantías”.  A sensación é que a posibilidade dunha volta ao escenario de hai seis meses segue sendo posible.

A incerteza pesa sobre todo en persoal que a día de hoxe non ten un traballo efectivo na planta. Os empregados en electrolise, ese traballo desapareceu, así agora están facendo traballos de mantemento ou limpeza. “A xente está esperando que os novos propietarios digan que se vai facer” di Moskowich.

Socialmente, o feito da compra por un novo propietario pode calmar os ánimos e crear a sensación de tranquilidade. Mais os pasos importantes aínda están por dar. “A maioría pensa que xa está, e non, o que queremos é un escenario para traballar e saír adiante” di Corbacho. Por iso, despois das eleccións, sería ideal que o Goberno que saia das urnas, mais as outras partes implicadas, cumpran os compromisos cos traballadores. “Están por escrito e os compromisos do Goberno en funcións están por escrito e son claros, non necesitamos que se comprometan máis”.

Juan Ramón Paseiro, da UGT, coincide en que “estamos nunha situación de espera, pois nos temos que adaptar a  unha empresa da que non temos claro cales son os seus proxectos”. A cuestión que apunta Paseiro é burocrática “están aínda traballando os papeis de traspaso entre as dúas empresas e así as vendas están sendo complicadas”. De momento algúns servizos están compartillados entre Alcoa e Parter, non obstante “non temos polo momento un proxecto definido” aclara Paseiro.

Esta situación expectante tamén afecta ao convenio laboral de empresa. “Sobre o convenio non nos temos sentado a falar coa empresa, seguimos co convenio anterior prorrogado, tiñamos así negociado”. O que si se busca desde a chegada de Parter é “ter asentada a situación laboral, as tarefas que hai que facer, o convenio irase mirando máis adiante e sobre seguridade laboral segue o mesmo comité” di Juan Ramón Paseiro.

A media de idade entre o persoal anda sobre os corenta anos ou máis. Se houbese un suposto peche da planta, irían á rúa un número importante de persoas que deberían reciclarse de cara o mundo laboral. Os maiores de 55 anos son unha minoría, logo entre 55 e 40 estaría a grande maioría. No caso de empresas auxiliares só hai dúas cunha presenza case residual. Desas empresas auxiliares, o número de persoas fora baixando en anos anteriores, así de 80 traballadores pasouse a un número de 25.

A ENERXÍA E O SEU PREZO

A planta da Coruña, como a que aínda ten Alcoa en San Cibrao, son das denominadas electrointensivas. A día de hoxe o Mw custa 40 euros en España, mentres que outros países de Europa teñen prezos de 25 euros. “As políticas enerxéticas actuais en España e dentro do que está acontecendo, non son as acertadas para nós” sinala Corbacho. “Certo é que se necesita unha transición enerxética mais non pechando instalacións e menos en Galicia, onde somos excedentarios en enerxía, antes de pechar calquera instalación temos que ter o reposto, sustentable, mais antes de pechar calquera outra instalación temos que ter unha fonte de enerxía”.

“As centrais térmicas son moi maniobrables porque poden parar e arrincar cando queren, non como as renovables que dependen das condicións climáticas” sinala Moskowich. “As plantas de Coruña e San Cibrao instaláronse aquí porque había enerxía cerca, se deixa de existir cerca, ao mellor non é rendible abrir por exemplo, electrolise”. Para o membro da CIG, o prezo que se paga pola enerxía é irreal, “non é o que vale”.

“Basicamente é un tema impositivo, de prezos sobre como se produce a enerxía eléctrica” di Juan Ramón Paseiro. “Se se fai unha transición enerxética debe ser xusta, temos que pensar que a electricidade debe ser máis barata” senón mesmo se tería que comprar enerxía a Portugal. “Iso si sería máis difícil, porque como imos lexislar sobre os prezos que poñen outros países”.

APERTURA DE ELECTROLISE

Entre as propostas de Parter para A Coruña está en facer aluminio secundario, o procedente da reciclaxe de aluminio, o chamado aluminio verde. A produción ata o de agora era de aluminio primario, o que se ten mediante proceso de electrolise. Este tipo de aluminio é o que máis enerxía consume. “O proxecto de aluminio verde ten que estar ben apuntalado, pois Europa non quere empresas de aluminio primario porque necesita moita enerxía e emite moitos gases contaminantes” sinala Corbacho.

Tamén se falou da reapertura da área de electrolise, pechada en tempos de Alcoa, e onde se produce o aluminio primario mediante procesos electrolíticos. “Se se rebaixan os prezos para as electrointensivas, abrir electrolise podería ser unha realidade” estima Corbacho.

O seu proxecto (de Parter) non inclúe arricar electrolise” sinala Moskowich, que insiste “nun principio non, o proxecto é a reciclaxe de aluminio, crear aleacións para industria do automóbil, industria aeroespacial, mais iso tamén precisa de investimentos na fábrica para facelo”. Coincidindo con outros compañeiros da fábrica apunta que Parter tería dito “se se desen as condicións óptimas para arricar electrolise, que fose negocio, arrincarían”. A cuestión volve ser a mesma, baixar os prezos do Mw.

“Durante as reunións que tivemos con Parter, presentaron un plan industrial moi baseado no aluminio secundario onde serían necesarios investimentos relacionados coa fundición” sinala Paseiro da UGT. Isto traería posiblemente a apertura dalgún forno novo para mellorar as capacidades da empresa. “Dentro dese plan figuraba arrincar a sección de electrolise, paradas anteriormente, sempre e cando o prezo do Mw por hora baixe”.

Que pasaría se arrincasen a serie de electrolise? “Pois habería que aumentar o cadro de persoal por necesidade produtiva” di Paseiro, que lembra “hai un compromiso do Goberno de regular o prezo da electricidade e iso permitiría a supervivencia da planta”.

O peche das series de electrolise trouxo, ademais da paralización e recolocación dos traballadores desa sección, a paralización do transporte por barco desde San Cibrao da alúmina cara á Coruña. Xa en Coruña no porto, enviábase en camión. Por tanto, houbo unha serie de postos de traballo que quedaron polo camiño cando electrolise parou. A cifra estaría por riba dos cen postos de traballo, moitos autónomos do transporte.

FUTURO

“Un peche desta planta socialmente sería un golpe, porque pensa que esta é das últimas grandes empresas que quedan na Coruña, ao pé tes a refinería, as que quedan” di Moskowich. “Isto sería un impacto para toda a área que rodea A Coruña, porque veñen compañeiros de Laracha, Ferrol, Arteixo, Miño ou Burgo”. Unha prolongación da vida desta empresa máis alá de cinco anos sería posible? A sensación é que se Parter mercou a empresa é para facer cartos, porque é un fondo de investimento que quería sacar unha rendibilidade a medio ou longo prazo.

Non sabemos se Parter xa ten clientes novos ou se continuará cos de Alcoa” di Juan Ramón Paseiro. “Parter ten unha garantía de emprego de dous anos, a partir de aí en base ao funcionamento da planta haberá máis ou menos continuidade”. O fondo de investimento respondeu aos traballadores que viña para pór en marcha o proxecto, mais “non garantía a empregabilidade a partir dos dous anos”.

Cando expire a garantía de Parter en dous anos, non se sabe que pode suceder. Sería necesario que quen goberne cumpra o compromiso de buscar solucións para as electrointensivas. Senón, sería aplicada a reforma laboral se non é derrogada antes.

Planta aluminio. Europa Press - Europa Press - Arquivo
Planta aluminio. Europa Press - Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

3 anonimo

Nen Alcoa é " o noso", nen os camareiros teñen que adular a ninguén, nen o tema de Alcoa, que é una empresa privada, parece que teña fácil arranxo. Oxalá o tivera, pero eu non lle atopo una solución fácil.

2 Alpinista

A CIG da UPG e UGT do PsoEspañol, tamén CC.OO., defenden os intereses das transnacionais. Patético! Que vergoña de políticos e sindicalistas entregados á patronal. Non saben o que temos en riba, ambiental e laboral. Pola mesma, deben defender Ence en Pontevedra e os montes cheos de eucaliptos. E din que defenden o país... Será Luxemburgo, Bulgaria, USA ou as Illas Caimán? Ridículo de sindicatos e políticos vendidos!

1 UNIDADE GALEGA!!!

Para estas cousas fai falla un partido galeguista forte que non dependa de Madrid!!! que pelexe POLO NOSO!!!

1 Casimiro

Que significa pelexar polo noso? Regalarlle a electricidade a unha multinacional extractiva? Subvencionar indústrias de enclave, ofrecer terrenos regalados ás multinacionais, espazos a contaminar, man de obra barata? Manter o carbón como fonte de enerxía, premiar os monopolios enerxétivos, colocar aeroxeneradores en cada monte, autorizar nucleares? Igual o modelo que pintas está caducado!

2 Freixo da fraga

Igual o q estas caducado eres ti casimiro....a q te adicas??quizais prefiras q acabemos todos de camareiros...lambendolle o cu os turistas por 800 euros o mes?? Ou q collamos a maleta pa londres ou berlin...

3 caxancran

Ainda que non volo digan os politicastros.sobran industrias contaminantes e foraneas.e reconvertir-vos ou morrer.vivir subvencionados e unha estafa social

4 Ábrete de orellas

Xa temos a Yolanda Díaz