Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/10/2019 | Actualizada ás 20:40
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional activará a nova estratexia de inclusión, que se estenderá ata 2025, e que supoñerá a actualización da normativa de atención á diversidade, buscará unha maior integración do alumnado con necesidades especiais e un plan formativo para especialistas neste campo.
A titular do departamento autonómico, Carmen Pomar, compareceu ante o pleno parlamentario para render contas polo arranque do curso académico. Unha intervención na que reivindicou o sistema educativo galego "como o máis inclusivo de España" e avanzou as medidas ao amparo do plan 'EduInclusión 2020-2025', entre reproches dos grupos da oposición pola falta de recursos para atención á diversidade e de persoal de apoio para o alumnado con necesidades especiais.
A Xunta actualizará a normativa neste ámbito e buscará dar un impulso á escolarización de alumnos con necesidades específicas nos centros ordinarios e á especialización da educación especial. Para iso, desenvolverase un plan formativo para especialista en atención á diversidade, sobre todo coidadores, e reforzarase a cultura inclusiva da man dos centros, as familias e entidades que traballan neste campo.
A incorporación dun segundo orientador aos 20 centros de máis alumnado ou un premio de boas prácticas inclusivas son algunhas das medidas ao amparo desta estratexia e Educación elaborará, á súa vez, un plan de choque fronte ao acoso escolar, con formación específica para docentes en educación emocional e convivencia e programas orientados á prevención da violencia.
Pomar reivindicou que Galicia é a comunidade con maior porcentaxe de alumnos con necesidades especiais integrados nos centros, o 92,7 por cento, e que os profesionais de atención á diversidade pasaron de 2.700 a máis de 3.500 na última década.
CURSO MARCADO POR OBRAS
A pesar diso e de que destacou a "normalidade" do arranque do curso, a titular de Educación recoñeceu as dificultades provocadas polas obras no inicio da actividade lectiva e a "inquietude" das familias, algunhas chegando a non enviar aos seus fillos a clase, aínda que reduciu as incidencias a menos de media ducia de casos.
Pomar defendeu, con todo, a urxencia destas actuacións, 54 grandes obras e outras 200 mais pequenas por un importe total de 56 millóns de euros. Neste sentido, reprochou ao Goberno central o atraso na autorización para investir os fondos supéravit e que influíu no atraso dalgunhas obras, un "risco" do que xa advertira no mes de abril.
A titular de Educación tamén repasou as grandes cifras do sistema educativo, cun ensino plurilingüe que chega xa a 110.000 alumnos (case o 32%), a chegada de Edixgal (integración dasTIC) a 347 centros e 27.000 alumnos ou o fomento das competencias STEM, ademais dos máis de 700 centros que participan no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.
ESTRATEXIA DE FP
Entre as novidades para o novo curso, Pomar mencionou a incorporación aos contratos programa das liñas 'CON-VIVE' e ' INCLUE-T', orientadas á atención especifica e á convivencia.
A titular de Educación tamén avanzou algúns resultados da macroenquisa de convivencia con datos de 2019, na que se incrementou o índice de satisfacción de familias, alumnado e profesorado co seu centro educativo, cifras que animan "a seguir avanzando", insistiu.
Así mesmo, anunciou que este curso presentará a Estratexia Galega de FP 2020-2030, con medidas de FP dual, internacionalización, maior implicación do tecido empresarial e atención aos novos perfís profesionais. Neste campo, destacou que a FP alcanza xa os 52.762 alumnos e a oferta Dual incrementouse en case un 60 por cento.
"A VENDA ANTES DA FERIDA"
A oposición en bloque coincidiu en tres premisas para criticar a xestión da Consellería de Educación no arranque do curso: a problemática coas obras, a falta de recursos e persoal de atención á diversidade e a ausencia de diálogo coa comunidade educativa.
Paula Vázquez Verao, desde o Grupo Mixto, insistiu no "fracaso global" da planificación da Consellería, con necesidades educativas sen cubrir e "falta de diálogo" cos centros que xerou problemas no arranque das aulas, e que desde a Xunta "negaron" durante os días de inicio do curso.
A deputada insistiu, sobre todo, en materia de inclusión, que este curso foi "especialmente sanguento", e a "constante perda" de servizos no rural, mentres os profesores enfróntanse a itinerancias, materias das que non son especialistas e falta de recursos.
Olalla Rodil (BNG) ironizou con que Pomar se poña "a venda antes da ferida" coas obras, "un dos puntos quentes do inicio do curso", e reprochou que se relegue a unha "incidencia puntual" a pesar de que houbo "menores de idade, nenos e profesores" que sufriron "a falta de planificación e de previsión".
"Non pode ser que a Xunta non teña un plan B", sinalou, sobre todo ante os problemas "estruturais" que arrastra o sistema educativo polo profesorado perdido durante a crise e as críticas e protestas da comunidade educativa, que a Xunta cingue a "fake news". Xunto a todo iso, engadiu, a Consellería parece que "non ten nada que dicir" ante a "desgaleguización" do ensino, plasmada nos últimos datos do IGE.
"PRECARIZACIÓN" DO SISTEMA
Pola súa banda, Luca Chao, do Grupo Común da Esquerda, acusou a Xunta de "discriminar de maneira sistemática" coa atención á diversidade, a través dunha lóxica "asistencialista totalmente equivocada" e baseada na reacción ante problemas determinados en lugar de en a dotación de recursos para evitalos.
Entre outras cuestións, reprochou a "precarización e privatización" do sistema, coa cada vez maior penetración de empresas privadas no ensino público, mentres as familias denuncian a falta de profesionais de atención á diversidade.
Luís Álvarez, do grupo socialista, criticou a "negación da existencia de problemas" na que está instalada a Xunta, así como a "aversión da participación" na planificación das políticas, como o Consello Escolar ou o Consello da Convivencia, que non se reúne desde xuño.
O deputado socialista advertiu, ademais, que a pesar de que os problemas de convivencia "se resolvan", a falta de criterio "é a negativa" inicial a dar os recursos de atención á diversidade, algo que leva a que a situación "empeore", sobre todo pola falta de profesionais da O e PT.
IMAXE CAÓTICA
Pola súa banda, a deputada popular María Ángeles Antón Vilasánchez ironizou con que os grupos "persistan" en sacar os casos "puntuais" e problemas "para dar unha imaxe caótica" do sistema educativo, e que fagan "oídos xordos" ante as melloras do sistema, como acreditan medidas como a gratuidade solidaria de libros de texto e o incremento de competencias en inglés e dos datos de inclusión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.