Por E.P. | OURENSE | 09/11/2019 | Actualizada ás 21:34
A ópera do compositor galego Fernando Buide 'A amnesia de Clío' chega este xoves, 14 de novembro, ao Auditorio de Ourense ás 20,30 horas. A Real Filharmonía de Galicia, a compañía Voadora e o texto de dramaturgo Fernando Epelde achegarán á cidade ourensá un conxunto de grandes nomes das artes escénicas galegas.
A batuta levaraa o director titular e artístico da RFG, Paul Daniel, que estivo en contacto co compositor desde o comezo do seu proceso creativo; coa colaboración como director asistente do mestre galego Pablo Devigo.
A ópera 'A amnesia de Clío' é unha coprodución da compañía Voadora -con dirección escénica de Marta Pazos- e do Consorcio de Santiago, a Xunta de Galicia e a Asociación Amigos da Ópera de Santiago. Así mesmo, conta co apoio da Deputación da Coruña, dos concellos de Santiago e da Coruña e do Xacobeo 2021.
Tal e como explica o compositor, "trátase dunha viaxe extravagante, no que a realidade histórica e a ficción políticas entrecrúzanse para dar lugar a unha ópera contemporánea, cun pé na realidade e outro na distopía; unha distopía escrita en clave feminista".
Trátase dunha ópera en tres actos, froito de case dous anos de traballo de Fernando Buíde, e aborda unha temática moi actual: o cambio de paradigma que supón a entrada da muller tanto na alta política como no mundo da arte. A protagonista é a musa Clío, encarnada no libreto por unha muller forte, unha artista plástica cunha vida chea de matices que a levan a desembarcar na vida política.
O rol principal, o da musa Clío, interpretarao a soprano canaria Raquel Lojendio, mentres que o barítono valenciano Sebastià Peris interpretará ao expresidente dos Estados Unidos George W. Bush. Pola súa banda, a mezzosoprano cántabra Mariña Pardo interpretará a Angela Merkel e ao sarxento estadounidense Leslie Zimmerman.
O elenco de voces completarao o compostelán Orfeón Terra A Nosa, fundado en 1966 polo franciscano Manuel Feijóo e dirixido desde 1984 polo mestre Miro Moreira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.