Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2025 | Actualizada ás 14:43
'Entroido en Galicia' é a guía editada por Turismo de Galicia na que se recollen todas as celebracións desta festividade na comunidade que teñen a categoría de interese turístico. Poderase consultar desde este venres na web www.turismo.gal.
Tal e como destacou a Xunta, esta programación ten como obxectivo promover a "aposta por diversificar a oferta de lecer na comunidade cara a propostas que inclúan unha valorización do patrimonio cultural, material e inmaterial, pero tamén da gastronomía e de zonas máis afastadas dos grandes núcleos de visitantes".
Por outra banda, tamén pretende pór en valor os Entroidos como datas idóneas para coñecer Galicia e, deste xeito, "avanzar na desestacionalización da oferta fóra de tempada". Ademais, a programación inclúe actividades para todo tipo de públicos, desde idades infantís a adultas.
OURENSE E OUTROS TERRITORIOS
Con sete das once citas recollidas na programación, a maior parte dos eventos concéntranse na provincia de Ourense. Xinzo de Limia, Verín, Viana do Bolo, Laza, Manzaneda, Maceda e Vilariño de Conso exhiben os seus protagonistas en pasacalles, folións, charangas, entre parroquias e fareladas.
As persoas que visiten estas localidades poderán coñecer de primeira man aos personaxes principais dos festexos. As pantallas de Xinzo, os cigarróns de Verín, os boteiros de Viana e Vilariño, os peliqueiros de Laza, as máscaras de Manzaneda e os felos de Maceda están acompañados por mecos, lardeiros e lardeiras, raíñas e reis e Don Carnal. Ademais do tradicional cocido, distintas citas gastronómicas achegan a variedade dos produtos da zona, como son a festa da androlla, a do cabrito ou a do porco ao espeto.
Pero ademais de Ourense, a guía recolle outras citas como os Xenerais da Ulla e os seus Correos en distintas parroquias de Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces ou as diferentes festas na provincia de Lugo e Pontevedra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.