O TSXG ve inconstitucionalidade en que a Xunta cree un gravame máis elevado polo Imposto de Actos Xurídicos

O alto tribunal galego considera que se vulnera a igualdade básica do sistema tributario que se tribute máis no Imposto de Actos Xurídicos por residir fóra de Galicia

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2025 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou presentar unha cuestión de inconstitucionalidade en relación á aplicación, por parte da Xunta, dun tipo de gravame máis alto ou máis baixo no Imposto de Actos Xurídicos Documentados ás Sociedades de Garantía Recíproca dependendo de se teñen o seu domicilio na comunidade autónoma ou non. O TSXG entende que podería constituír unha vulneración da “igualdade como garantía básica do sistema tributario”.

Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo
Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo

No auto explícase que, tal e como establece o Tribunal Constitucional na sentenza 20/2022, “o que non pode facer o lexislador é localizar nunha parte do territorio nacional, para un sector ou grupo de suxeitos, un beneficio tributario sen unha xustificación plausible que faga prevalecer a quebra do xenérico deber de contribuír ao sostemento dos gastos públicos sobre os obxectivos de redistribución da renda (art. 131.1 CE) e de solidariedade (art. 138.1 CE) que a Constitución española propugna e que dotan de contido ao Estado social e democrático de Dereito”.

A Sala considera que, ao non atopar dita xustificación, debe elevar a cuestión de inconstitucionalidade en relación co artigo 15.6 do Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aprobou o texto refundido das disposicións legais da comunidade autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado por se fora contrario ao principio de igualdade do artigo 14 da Constitución española, en conexión cos artigos 139.2 e 157.2 CE e 9 c) da Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas.

Por iso, decretou a suspensión, ata que o Tribunal Constitucional se pronuncie, das actuacións relativas ao recurso presentado por unha sociedade de garantía recíproca con domicilio social en Burgos que constituíu hipotecas sobre bens situados en Galicia. A sociedade reclama ao TSXG que se manteña o tipo de gravame do 0,1 %, que aplicou na súa autoliquidación, e non o do 1,5 %, como defende a Consellería de Facenda, que alega que o artigo 15.6 do Decreto Lexislativo 1/2011 condiciona a aplicación do gravame do 0,1% na modalidade de actos xurídicos documentados a que as sociedades de garantía mutua teñan o seu domicilio en Galicia. 

“A discrepancia cínguese en determinar a validez constitucional da diferenciación no tipo de gravame”, salienta o TSXG no auto, no que sinala que aínda que o Imposto de Actos Xurídicos Documentados é un tributo cedido, é dicir, que Galicia “conta con competencias normativas propias, polo que pode -en principio- establecer un réxime tributario que non coincida co doutras comunidades autónomas ou coa Lei Estatal”, iso non significa que ese poder sexa “ilimitado”.

Os maxistrados destacan que “non se indica en que medida establecer o domicilio en Galicia das Sociedades de Garantía Recíproca favorece o cumprimento dos fins destas sociedades”, á vez que engaden que tampouco se especifica “en que medida resulta fortalecida a actividade financeira das devanditas sociedades e o servizo prestado aos seus membros, xa que os socios non teñen por que ter a súa sede en Galicia, pois falamos de servizos financeiros que poden prestarse a distancia ou por medio dunha sucursal sita en Galicia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta