Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/11/2019 | Actualizada ás 21:21
As eleccións xerais deixan un panorama aínda máis complicado, complexo e incerto para a gobernabilidade de España. Cuns PSOE e Podemos máis debilitados e un crecemento do PP e Vox (á conta do descalabro do PP), xunto cuha maior fragmentación do Congreso, con novos actores como Más País, a CUP, o BNG ou Teruel Existe, fan que destes comicios emerxan aínda máis incógnitas sobre o futuro Goberno. En Galicia, o PSOE non logrou repetir a vitoria das pasadas xerais, en abril deste ano, e cede de novo o liderado ao PP, aínda que en escanos empatan; un resultado que mantén aberta a porta ao cambio na Xunta, cando se celebren as eleccións autonómicas en 2020.
GALICIA
As eleccións celebradas este domingo deixan un escenario político en Galicia que apenas muda, agás pola reaparición do BNG nas Cortes. Por enriba, os dous grandes partidos, PP e PSOE, manteñen as espadas en alto nun empate técnico.
Tras a histórica vitoria dos socialistas nas últimas eleccións xerais en Galicia, o PP recupera algo de músculo perdido e volve superar en número de votos ao PSOE, volvendo ser o partido con maior apoio dos galegos. Con todo, ambos os dous partidos empatan en número de escanos, con dez cada un.
Por abaixo, o desastre de Ciudadanos a nivel estatal dáse en Galicia, perdendo os dous escanos que obtivera hai sete meses. A marca galega de Unidas Podemos consegue manterse cos mesmos deputados, dous, e o máis relevante é o regreso do BNG ao Congreso, cun escano —logo de catro anos fóra das Cortes—.
A temida irrupción de Vox semella que non se dá xa que a formación de ultradereita non acada escano por Galicia. Con todo, a extrema dereita aumenta o seu peso en Galicia, con máis número de votos e porcentaxe, e sitúase como quinta forza política, por enriba de Ciudadanos, que pasa a ser un partido residual aquí, e tan só uns 5.000 votos por debaixo do BNG.
ESPAÑA
No conxunto de España, Pedro Sánchez volve facer gañador o PSOE, aínda que sae moi debilitado, non só polo pequeno retroceso (pasa de 123 a 120 escanos), senón tamén porque o que chamou "socio preferente", Unidas Podemos, retrocede aínda máis (de 42 a 35 deputados).
Con todo, o bloque de esquerda estatal (sumando PSOE, Unidas Podemose e Más País) suman máis (158 escanos) que o de dereitas (PP, VOX e Ciudadanos xuntan 150 deputados).
O PP recupera apoio, pero queda lonxe das expectativas difundidas polos seus dirixentes, que agardaban superar os cen deputados, e quedaron con 88. Agora, os 'populares' teñen por detrás á ultradereita, que con Vox conseguiu 52 escanos, cando nos comicios de abril pasada lograra 24.
Parte do éxito de Vox débese á desfeita en Ciudadanos, que pasa de 57 a tan só 10 escanos, deixando moi en xaque o liderado de Albert Rivera.
O independentismo catalán cobra forza, pasando de 22 escanos en abril (suma de ERC e JxC) a 23, coa irrupción da CUP.
Destaca tamén a chegada de Más País, formación liderada por Íñigo Errejón e outros exPodemos, que logra tres escanos, un por parte de Compromís.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.