Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/11/2019 | Actualizada ás 21:45
Ciudadanos pasou de ser unha forza emerxente e en auxe en Galicia, a converterse nun partido residual, en tan só sete meses. Os de Albert Rivera —quen dimitiu este luns— perderon os dous escanos que conseguiran nas eleccións xerais de abril pasado, colleitando este domingo, 10 de novembro, un estrepitoso fracaso, sen ningún representante, pasando de ser a cuarta forza á sexta en Galicia.
A caída de Ciudadanos prodúcese en toda España, onde os laranxas pasaron de 57 a tan só dez escanos, perdendo máis de 2,5 millóns de votos no conxunto do Estado e nove puntos porcentuais. En Galicia, perderon preto de 120.000 votos e case sete puntos porcentuais.
Por provincias galegas, A Coruña é a que máis votos deu á formación laranxa, con máis de 28.000 papeletas, seguida por Pontevedra, con máis de 23.600; Ourense, con 6.200, e Lugo, con pouco máis de 5.700.
Se se observan as porcentaxes de voto acadadas por Ciudadanos en cada provincia, é dicir, o peso real do partido no escenario político, repítese a tendencia, con A Coruña mantendo a maior porcentaxe (4,62%), seguida case á par por Pontevedra (4,56%), ambas as dúas por enriba da porcentaxe de voto total que acadou o partido en Galicia (4,32%).
Pola contra, Lugo (3,68%) e Ourense (3,2%) mostran as taxas de apoio máis baixas a Ciudadanos.
É Lugo onde se rexistra a maior caída para Ciudadanos, con case sete puntos, seguida por Pontevedra con preto de seis puntos e medio, Ourense de 5,7 puntos e A Coruña con case cinco puntos e medio.
Son, por tanto, as provincias atlánticas onde Ciudadanos conserva maior apoio en Galicia.
ESPAÑA
Entre as comunidades autónomas, Galicia ocupa o sétimo lugar por número de votos a Ciudadanos, sendo Andalucía onde recolleu máis apoios, con máis de 344.000 papeletas, e La Rioja, onde menos, con algo máis de 11.500.
Porén, se se observa o peso real do voto á formación laranxa en cada comunidade, vese que o territorio galego é a segunda autonomía onde menos ten (4,32%), só por enriba do País Vasco (1,1%).
A porcentaxe de votos en Galicia é case 2,5 puntos inferior á media estatal. No primeiro posto sitúase Madrid, co 9% dos votos emitidos alí para Ciudadanos, seguida de Aragón (8,5%) e Andalucía (8%).
Con todo, e por orde, onde máis caeron os de Albert Rivera foi en Murcia, con máis de doce puntos de perda, arredor de doce en Madrd e Aragón, e máis de once puntos en Castela e León.
Navarra non se inclúe nestas estadísticas, xa que alí Ciudadanos se presentou dentro da coalición Navarra Suma, na que tamén participan Unión del Pueblo Navarro e o PP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.