O socialista Fernández Leiceaga será senador e deixará a Cámara galega

O seu cargo poderá ser ocupado pola secretaria xeral da Agrupación socialista de Camariñas, Encarna Liñeiro Pouso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2019 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

O que fora candidato socialista á Presidencia da Xunta en 2016 e que actualmente ostenta a portavocía parlamentaria do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, deixará a Cámara galega para ocupar un escano no Senado por designación autonómica.

Así o anunciaron este martes o propio Leicega e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en declaracións aos medios convocadas no Lexislativo galego este martes, xornada que coincide coa celebración do pleno.

Os socialistas Xoaquín Fernández Leiceaga e Gonzalo Caballero na rolda de prensa no Parlamento
Os socialistas Xoaquín Fernández Leiceaga e Gonzalo Caballero na rolda de prensa no Parlamento | Fonte: Europa Press

Deste xeito, o líder dos socialistas galegos levará ante a executiva galega do partido a proposta para que Leiceaga sexa designado polo Parlamento autonómico como senador para a próxima lexislatura en virtude da condición do PSdeG como segunda forza parlamentaria. O pleno extraordinario para a elección dos representantes da Cámara galega no Senado celebrarase o vindeiro martes.

Nesta nova etapa, Leiecaga tamén asumirá as rendas da elaboración do programa electoral do PSdeG para as eleccións autonómicas previstas para o próximo ano, ademais de encargarse da coordinación da Comisión Interparlamentaria, na que están representados os deputados e senadores dos socialistas galegos en Santiago, Madrid e Bruxelas.

UN "ACTIVO FUNDAMENTAL"

Gonzalo Caballero destacou a Leiceaga como "un activo fundamental" para a organización, que se atopa "nunha fase moi importante" coa vista posta en "abrir un novo tempo político" en Galicia co obxectivo de derrotar ao PP nas autonómicas do próximo ano.

"Na vida política hai que ir pechando unhas etapas e abrindo outras. En todo caso, o meu empeño fundamental nos próximos meses será colaborar para lograr o cambio político que Galicia necesita e gañar a Alberto Núñez Feijóo con Gonzalo (Caballero) como o noso candidato", manifestou Fernández Leiceaga.

Polo momento, o profesor e economista continuará, ata que asuma a súa acta como senador, como portavoz parlamentario do grupo. Cuestionado sobre quen será a súa substitución, Gonzalo Caballero sinalou que "se dirá cando corresponda" e que "sexa como presidente ou como portavoz", el mesmo se encargará de "levar as rendas" do grupo no Parlamento.

Preguntado sobre os motivos para dar o paso cara á política estatal coa súa marcha a Madrid, Lecieaga subliñou a necesidade de "preparar ben a acción política" a través da "coordinación" de programa e a acción parlamentaria, labores que "era complicado" asumir e compatibilizar co papel de portavoz.

"Agora hai unha opción para min e paréceme interesante", apostilou Leiceaga, que tamén puxo o foco en que Gonzalo Caballero se converteu na "referencia política clara" do grupo parlamentario tras a súa chegada ao Pazo do Hórreo o pasado verán.

NOVA ETAPA

O que fora un dos principais colaboradores do expresidente Emilio Pérez Touriño, economista de formación e profesor universitario na USC, afrontará deste xeito unha nova etapa na política na que, conforme apuntan fontes do PSdeG, seguirá mantendo un papel importante.

En outubro de 2017 Gonzalo Caballero e Xoaquín Fernandez Leiceaga selaron un pacto que finalizou coa vitoria do actual secretario xeral do PSdeG nas primarias nas que se impuxo ao exdiputado Juan Díaz Villoslada para pilotar o partido en Galicia.

Precisamente, tras este acordo, o propio Gonzalo Caballero manifestou publicamente en diversas ocasións que Leiceaga ostentaría o papel que el decidise no PSdeG.

NOVA DEPUTADA

O escano que deixa o que tamén fora un dos principais colaboradores do expresidente Emilio Pérez Touriño e candidato á Xunta na autonómicas de 2016 poderá ser ocupado pola secretaria xeral da Agrupación socialista de Camariñas, Encarna Liñeiro Pouso.

En concreto, esta socialista da Costa da Morte ocupou o número 8 da lista pola Coruña que o PSdeG presentou para as eleccións autonómicas de 2016 e é un dos apoios do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na comarca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta