O PSdeG aspira a ser "a primeira" forza para as autonómicas do 2020

Caballero apela á "maioría social progresista" de Galicia fronte a un Feijóo que "utiliza as institucións" para "confrontar" co Goberno.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2019 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O PSdeG-PSOE iniciou este sábado o desenvolvemento do seu programa electoral para as eleccións galegas previstas para o outono do 2020, nas que o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, será o candidato á Presidencia da Xunta.

En concreto, será o presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga --próximo senador por designación autonómica--, o encargado de elaborar esta "estratexia aberta" que terá o "rumbo claro" de facer que os socialistas sexan "a primeira forza política" en Galicia o próximo ano.

Así o indicou o secretario xeral, Gonzalo Caballero, durante a reunión do Comité Nacional do PSdeG-PSOE celebrada este sábado. Nesta cita en Santiago, que contou coa presenza de numerosos alcaldes e outros representantes políticos, abordou o resultado das eleccións xerais do 10 de novembro e o escenario que agora se abre na carreira cara ás autonómicas.

Sobre esta próxima cita coas urnas, o líder dos socialistas galegos recalcou que a afrontan "cos deberes feitos", pero instou a "complementar" ese "esforzo" e a erixirse na "única alternativa que pode retirar ao PP da Xunta de Galicia".

E é que, ao seu modo de ver, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, "non dá solucións aos problemas" da cidadanía "e dedícase a utilizar as institucións públicas" para a súa "confrontación" co Goberno estatal.

"UNHA MAIORÍA SOCIAL PROGRESISTA"

O PSdeG conta nestes momentos cos ventos políticos ao seu favor despois de que o 28 de abril gañase as eleccións xerais por primeira vez en Galicia, por case 80.000 votos sobre o PP. A pesar de que nos comicios do 10 de novembro os populares recuperaron a vitoria, a diferenza foi de menos de 10.000 papeletas e un 0,66 por cento con respecto aos socialistas.

O PP conseguiu o pasado domingo 10 dos 23 deputados das circunscricións galegas, mentres que os restantes divídense entre o PSOE (outros 10), Unidas Podemos (2) e BNG (1). Para Caballero, estas cifras evidencian que existe "unha maioría social progresista" á que deben "convencer" de cara ás autonómicas do 2020 e "sen ningún tipo de triunfalismo".

"Feijóo di que somos soberbios. El, que leva 11 anos á fronte da Xunta e 25 subido ao coche oficial. El, que está subido ao poder da man da dereita máis rancia, dos sectores máis conservadores", criticou o secretario xeral do PSdeG, quen tamén apelou a activar "toda a forza das ideas" para "saír a gañar as eleccións" galegas.

UN GOBERNO "DE PROGRESO"

Tras vencer o Partido Socialista nas xerais do 10 de novembro con 120 deputados, o líder galego proclamou fronte ao seu Comité Nacional o seu apoio á liña da Executiva Federal do partido para alcanzar un pacto de coalición con Unidas Podemos, despois do preacordo asinado este martes entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.

"España necesita un goberno de progreso que aborde a vontade mostrada pola cidadanía e lle dea ao país un goberno que deixe de estar en funcións. Temos a responsabilidade de ofrecer un goberno de esquerda, progresista, nucleado en torno ao PSdeG en Galicia e en torno ao PSOE en España", valorou Caballero, para logo engadir: "Ou gobernamos nós, ou haberá terceiras eleccións".

Neste contexto, o secretario xeral cargou contra un PP que "perdeu a centralidade política" e que se converteu en "o can do hortelano": "Nin come nin deixa comer. Non posibilita ningunha forma de goberno e tras unha campaña feroz, atroz, e tras difamacións e ataques ao presidente do Goberno (...) xoga á confusión, ao escenario de dicir cousas distintas con distintos referentes".

Despois de que Feijóo suxerise que o seu partido estaría aberto a falar cos socialista se rompe o seu pacto "letal" con Unidas Podemos, Caballero cualificou de "cínico" e "mentireiro compulsivo" ao presidente galego, que "pon paus nas rodas cando hai que solucionar problemas".

Ante iso, o líder do PSdeG apelou a "non abandonar a folla de ruta" para formar un Executivo de coalición "constitucional e constitucionalista" que defende "o Estado de dereito, a división de poderes e o Estado da lei".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ante o Comité Nacional.. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ante o Comité Nacional.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta