Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2019 | Actualizada ás 18:30
O Grupo Popular solicitou, a través dunha emenda presentada ao proxecto de lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta para 2020, que os servizos de aluguer de vehículos con condutor (VTC) se realicen cunha antelación mínima de 15 minutos. Propoñen tamén que a contratación destes servizos se deba formalizar por papel ou soporte electrónico.
Esta emenda debaterase en Pleno o vindeiro luns e o Grupo Popular afirma que o fan co obxectivo de "avanzar na garantía dunha competencia leal" entre os servizos de taxi e VTC. Este último servizo xa necesitaba dunha contratación previa, coa proposta o PPdeG busca clarificar o tempo exacto.
Segundo o Grupo Popular, a antelación mínima de 15 minutos obedece aos requisitos de "proporcionalidade e racionalidade". O partido aclarou que seguen unha lóxica similar á aplicada por outras comunidades autónomas durante os últimos meses e que "escoitaron as organizacións asociativas máis representativas" do taxi e dos VTC.
O Grupo Popular propuxo tamén unha modificación da lei de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, para que se faga unha formalización da contratación do servizo VTC, a través de soporte papel ou electrónico. Neste documento deixaríase constancia do tempo transcorrido entre que se pide o servizo e a súa prestación, para asegurar con canta antelación se realiza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.