Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2019 | Actualizada ás 19:15
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou que a Xunta ultima os detalles do novo estatuto que regulará a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), encamiñado a "favorecer a transformación e modernización" deste ente co obxectivo de facer fronte á evolución e aos novos cambios normativos que está a experimentar o sector.
Entre as novidades que introducirá este texto, que o conselleiro anunciou no marco dunha pregunta formulada pola deputada Olalla Rodil (BNG) no pleno, está a creación da figura do xerente de Agadic, que se encargará de coordinar a xestión administrativa da axencia.
Ademais, favorecerase a inclusión na axencia do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), un centro que, aínda que funcionalmente xa estaba adscrito á propia Agadic, non o estaba a nivel estatutario. Por último, crearase un novo departamento de danza que permitirá "potenciar o traballo no sector" e no que se situará o Centro Coreográfico Galego (CCG).
Román Rodríguez mostrouse convencido de que a aprobación do novo estatuto de Agadic permitirá "abrir unha nova etapa" co fin de adaptarse aos cambios dunha industria "fundamental para o futuro de Galicia" e que --remarcou-- non deixou de crecer nos últimos anos, sendo cada vez máis relevante a nivel estatal e internacional.
"RECORTES" E FUTURO DE CGAI e CDG
En fronte, a deputada do BNG Olalla Rodil acusou ao conselleiro de "sacarse da manga" este estatuto e preguntouse "con quen se está negociando" porque o sector "o descoñece". Ao tempo, preguntou "que futuro espera" ao CDG, o Centro Coreográfico Galego e o CGAI, tras permanecer "longo tempo" sen dirección e con "continuos recortes" nos recursos económicos.
"Os centros culturais están desmantelados polas políticas do PP da última década", sentenciou Rodil, quen criticou que se activase o concurso público para renovar a dirección do CDG no mes de agosto "a pesar de coñecer a decisión da directora de abandonar o cargo desde o mes de maio". "Un recambio, produto das demandas do sector do teatro para a necesaria refundación do CDG", remarcou.
Tamén apuntou que o Centro Coreográfico Galego quedou sen dirección en outubro no cesamento de Mercedes Suárez, un cesamento "acompañado de durísimas críticas de profesionais da danza" á súa xestión. "O Centro leva dez anos durmindo o soño dos xustos", lamentou e engadiu que tamén permanece "descabezado" o CGAI.
"Os recortes do PP son evidentes e as cifras falan por si soas. Nos prespuestos para 2020, o CDG 250.000 euros menos; o Centro Coreográfico Galego, 100.000 euros menos que no ano 2019, e o CGAI percibirá 50.000 euros menos de orzamento", constatou Rodil.
PROCESO "NAS ÚLTIMAS FASES" NO CDG
Pola súa banda, Román Rodríguez defendeu que un estatuto "non se improvisa" nin se "saca da manga" en poucos días e esgrimiu que, no caso do proceso de selección do novo director do CDG, ao que se presentaron oito aspirantes, "está xa nas últimas fases".
Sobre a dirección do CGAI, anunciou que a selección do seu responsable terá lugar unha vez sexa aprobado o novo estatuto de Agadic, do mesmo xeito que sucederá co novo departamento con responsabilidades na promoción da danza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.