O comercio de mercadorías en Galicia deixa un balance positivo de 273 millóns de euros

O superávit comercial resulta un 13,7% menor que o alcanzado un ano antes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2019 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

Galicia exportou mercadorías por un valor de 2.017,2 millóns de euros en setembro deste ano, un 9,1% máis que as comercializadas no mesmo período de 2018. Con todo, tamén ascende o número de produtos importados ata 1.743,6 millóns de euros, o que deixa un balance de ganancias de 273,6 millóns de euros, un 13,7% menos que o alcanzado no exercicio anterior.

Desta maneira, o saldo comercial de Galicia en relación ás transaccións co estranxeiro durante setembro mostra valores positivos que rompen a tendencia negativa que se mantivo desde xullo deste ano.

Pola súa banda, Pontevedra foi a provincia que máis incrementou o número de exportacións, cun crecemento interanual do 33% que corresponde en gran medida á evolución da comercialización de bens de equipo co exterior. Este tipo de produtos viron incrementado o número de exportacións ata nun 80,1%, a maior subida de todos os sectores.

Os datos positivos desta provincia compensan o descenso notable das exportacións que rexistrou Lugo e A Coruña, segundo a Secretaría de Estado de Comercio, cunha contracción do 7,1% e 4,3% respectivamente.

En canto ás importacións, o incremento galego débese en gran medida ás compras de bens que fixeron A Coruña e Pontevedra, con taxas de crecemento do 13,4% e 16,5% en cada caso.

SECTORES DE MAIOR PESO

Os sectores que máis peso tiveron dentro da exportación galega foi o subsector téxtil-confección (un 27% do total); os bens de equipo (un 16,9% con especial incidencia en material de transporte por estrada); o sector do automóbil (14,3%), a alimentación, os produtos enerxéticos e a facturación de químicos e metais.

Todos estes bens teñen como principal destino os países da Unión Europea, o 74,9% das exportacións de Galicia van parar a Estados como Francia (o 17,3%), Portugal (12,7%), Italia (8,5%), Reino Unido (6,6%), Alemaña (5,8%), Países Baixos (5%), Polonia (4%), Bélxica (3,9%), Grecia (1,7%) e Romanía, Malta e Suecia en menor medida.

Fóra da UE destacan Marrocos (3,1%), Estados Unidos (2,5%), Groenlandia (2,5%), Turquía (2,1%) e China, México, Chile, Singapura e Argetina con menos do dous por cento.

Estas cifras evidencian un crecemento nas exportacións á Unión Europea a un ritmo "máis moderado" (do 1,8%) que as destinadas ao resto do mundo (4,4%). Con respecto a outros continentes, Asia presentou un fortísimo crecemento en termos relativos de ata o 60,9%; América do 61,9%; e África do 13%.

Exportacións
Exportacións

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta