Por Europa Press / Redacción | VIGO | 21/11/2024 | Actualizada ás 11:48
O sindicato CC.OO. pediu á CIG que retire a convocatoria de folga no sector da automoción para o día 28 de novembro, e apelou á unidade de todos os axentes sociais para afrontar os retos que vive esta industria, nun momento "crucial" de "transformación radical" e de "incerteza económica".
Nun comunicado, a central advirte de que "a mellor e única maneira de defender" as empresas e o emprego con garantías "é a unidade de todas as partes implicadas". "Por tanto, ante un futuro complicado, é necesario porse ao choio e empezar a traballar nunha defensa firme do noso sector e o seu ecosistema, para iso todas as partes debemos ser capaces de aparcar as diferenzas e empezar a traballar de maneira unida", sinala CC.OO.
Respecto diso, e en referencia á convocatoria dun paro de 24 horas o próximo día 28 de novembro, anunciada pola CIG, apuntan que "non se entende que un sindicato vaia só e por libre" cunha folga que "o único que pretende é prexudicar ás empresas", unhas empresas que tamén terán que porse ao lado dos traballadores "para defender e presionar aos gobernos de quenda, tanto en Galicia, en España como Europa porque este non é un problema exclusivo de Galicia".
CC.OO. subliñou que a folga "é a ferramenta máis importante da clase traballadora" e que "non debe utilizarse sen sentido, caprichosamente, ou como propaganda". "Non se pode utilizar unha folga para enfrontar a compañeiros e compañeiras nas empresas do 'auto', onde ademais, non se lles deron a oportunidade de decidir se queren ir ou non á folga. Este non é o camiño para buscar solucións", advertiu o sindicato.
Por iso, pediron á CIG que retire esa convocatoria "e senten" para pór en común os problemas do sector, abordar unha "folla de ruta conxunta", aínda que non se descarten "medidas contundentes" se non hai implicación das administracións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.