A Xunta formará a 160 agricultores e gandeiros da Limia na xestión dos residuos xerados

Os interesados neste plan de formación poderán apuntarse ata o próximo 26 de novembro a través do teléfono 988 386 477 ou no correo mediorural.ourense@xunta.gal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2019 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

O conselleiro de Medio Rural, José González, presentou este venres o plan de formación agrogandeira para a comarca da Limia, no que uns 160 agricultores e gandeiros aprenderán a mellorar a xestión dos residuos xerados polas súas actividades económicas.

En concreto, o programa terá unha duración de 27 horas de formación e estará composto por cinco módulos de carácter presencial que, en liñas xerais, tratarán sobre a planificación da produción e a xestión adecuada dos recursos gandeiros, a prevención e loita contra pragas e enfermidades, o asesoramento sobre novos cultivos e a súa adaptación ao cambio climático.

Ademais, formarase aos participantes nas novas alternativas de produción e diversificación económica, no asociacionismo e na promoción dos produtos locais. Estes módulos contarán cunha parte de formación teórica e outra práctica.

Os interesados neste plan de formación poderán apuntarse ata o próximo 26 de novembro a través do teléfono 988 386 477 ou no correo electrónico mediorural.ourense@xunta.gal.

PRÁCTICAS RESPECTUOSAS

Na presentación, o conselleiro incidiu en que unhas prácticas respectuosas co medio ambiente e coa preservación dos recursos naturais equilibran os rendementos das empresas, aseguran a calidade dos produtos, a saúde pública e o futuro das actividades económicas.

Por iso, o titular de Medio Rural incidiu na necesidade de afianzar os coñecementos dos profesionais agrarios, así como de mellorar os procedementos para xestionar dunha forma adecuada os residuos xerados polas súas actividades económicas.

Un compromiso, segundo subliñou o conselleiro, alcanzado no marco da Mesa da Limia no pasado mes de setembro e que se materializou nun plan de formación.

Vacas nunha explotación agraria.
Vacas nunha explotación agraria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta