Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2024 | Actualizada ás 11:44
A Xunta de Galicia xa habilitou un novo acceso aos permisos de queimas a través da aplicación móbil XuntaEu. Os usuarios desta app que seleccionen o botón 'Contacta coa Xunta' terán á súa disposición, entre outras utilidades, o link de permisos de queimas (Comunicación de queimas - internet), así como o número de teléfono 085, ao que se debe chamar para alertar dun posible incendio forestal.
Unha vez dentro do portal destinado a comunicar as queimas de restos agrícolas, os cidadáns deberán confirmar que se trata dunha "queima correspondente a palla e/ou material natural, agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e/ou gandeiras".
As comunicacións e autorizacións de queimas a través da web da Consellería de Medio Rural son posibles de acordo co establecido no artigo 34 da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Ademais, en días laborables, tamén está a disposición dos cidadáns o teléfono 012 para comunicar as queimas.
Indican que tanto as comunicacións como as autorizacións para efectuar queimas de restos forestais amontoados deixarán de ter validez os días de vento e altas temperaturas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.