Un estudo aposta por implantar unha taxa turística para compensar os efectos negativos da masificación

Urxe a un maior control fiscal, de residentes e regulación da actividade dos pisos turísticos en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2019 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

Os modelos de economía colaborativa e as súas diferentes vertentes, sobre todo os pisos turísticos, chegaron para quedar. As administracións públicas deben afrontar este fenómeno para evitar o colapso, a xentrificación, a masificación e a expulsión dos veciños dos barrios. Para iso, débese reforzar a inspección, exercer un maior control fiscal e de residentes e emprender unha regulación efectiva desta actividade.

Trátase dalgunhas das conclusións e recomendacións dun estudo do Eixo Atlántico, entidade que aglutina aos 34 principais municipios do Norte de Portugal e de Galicia. O informe foi presentado este martes no Concello de Santiago de Compostela, e nel analízase o impacto do turismo na morfoloxía urbana dos municipios que forman parte desta área territorial.

O documento confirma que o crecemento dos aloxamentos turísticos impactou "de forma notable" nos diferentes espazos e barrios dalgúns municipios. Unha das autoras, Ana Carricoba, apuntou que a "confusión" coas diferentes tipoloxías e a falta de instrumentos legais e regulamentarios facilitaron a penetración deste tipo de oferta e "unha sensación de saturación turística" entre os cidadáns.

A diferenza de España, en Portugal existe unha regulación homoxénea pola que o Estado dota de competencias ás diferentes cámaras municipais e así "establecer unha contención dos aloxamentos". En Galicia tentouse abordar esta nova tipoloxía mediante a Lei de Turismo e o decreto 12/2017, mentres que Santiago foi o único municipio que estableceu unha limitación a través da modificación do Plan Especial do Centro histórico.

É por iso que o informe considera necesario "aclarar este marco competencial" para facer fronte á sensación de "inseguridade xurídica" respecto da normativa, a través dunha ordenanza tipo que se adapte ás particularidades de cada municipio, na que será "fundamental" o traballo da Fegamp e do propio Eixo Atlántico.

MEDIDAS DE CONTROL

Outra das autoras do texto, Ana Luisa Ladeiras, advertiu de que as novas xeracións queren compartir e a economía colaborativa chegou "para quedar", situación que no caso dos pisos turísticos levou a incrementos de prezos do aluguer, menor oferta deste parque de vivendas para residentes e estudantes, e unha expulsión cara ás zonas periféricas ou limítrofes.

Ante isto, considerou importante incrementar a cooperación rexional e entre corporacións locais, para compartir experiencias e boas prácticas. É por iso que a planificación turística resulta fundamental, posto que a maioría dedícase á promoción e á mercadotecnia. As medidas propostas inciden nunha política municipal de vivenda que teña en conta todas a lóxica, o impacto e a dispoñibilidade de prazas, abordándoa no seu conxunto, á vez que se toman medidas de control das habitacións e alugues.

Obrigar a ter números de rexistro ou licenza ás plataformas e propietarios, control de hóspedes e de seguridade, e medidas de fiscalidade son algunhas das posibilidades que apunta o informe, que inclúe tamén accións compensatorios polos efectos da masificación turística. Entre elas, a implantación dunha taxa turística de forma pedagóxica e que se poida reinvestir nos propios barrios e en políticas de mellora urbanística ou cultural, ou aproveitar fórmulas de economía colaborativa para incrementar as vivendas destinadas a estudantes.

Vivenda de uso turístico. NICOLAS JANOT - Arquivo
Vivenda de uso turístico. NICOLAS JANOT - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Farruco

Fodechinchos go home !!