Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2019 | Actualizada ás 18:45
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que non lle gusta que o 'Blue Star', encallado na costa de Ares (A Coruña), estea onde está, pero remarcou que o Goberno lle traslada á Xunta que non hai perigo de contaminación nin para os ecosistemas da zona.
"Non nos gusta ter ese barco aí, pero pola costa galega pasan 12.000 barcos con substancias perigosas dun total de 40.000, é complexo", esgrimiu o presidente galego, antes de incidir en que, en todo caso, a Administración galega está "alerta".
"Estamos avisados e alertados", esgrimiu, antes de repasar os pasos dados pola Xunta desde a pasada fin de semana e subliñar que se aplicou o plan de prevención fronte á contaminación. Así mesmo, os portos están "en alerta" ante calquera risco.
A "prioridade" agora, remarcou, é "colaborar" con Salvamento Marítimo e "estar a disposición" do Goberno central. Cando se solucione a situación, tocará realizar "a valoración".
Respecto diso, remarcou que o que traslada o Executivo estatal é que non hai perigo xa que se trata "dun barco de dobre casco, bastante novo, de oito ou nove anos de antigüidade, e que ten unhas toneladas de combustible que necesitaba para a súa propia propulsión".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.