A Xunta realizará novas inspeccións na antiga factoría de Hadasa, responsable dunha vertedura de hidrocarburos na Pobra

As instalacións da antiga empresa Fariñas do Atlántico levan en estado de abandono desde hai máis de 20 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2025 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

A Xunta levará a cabo novas inspeccións nas instalacións da antiga empresa Fariñas do Atlántico (Hadasa), responsable dunha vertedura de hidrocarburos o pasado 5 de xaneiro na zona da Ribeiriña do municipio coruñés da Pobra do Caramiñal. As tarefas de vixilancia, orientadas a dirimir exactamente a orixe da vertedura e a posible asunción de responsablidades, realizaranse por parte dos técnicos de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade.

As inspeccións de Augas de Galicia localizaron a orixe da vertedura na contorna das instalacións da extinta empresa Hadasa, que se atopa en estado de abandono desde hai máis de 20 anos. Os primeiros indicios solicitados apuntan ao sistema de tubaxes de carga dos antigos depósitos de gasóleo da factoría como posible orixe da vertedura, que obrigou a activar o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) en fase de alerta.

Con todo, a Xunta sinala que ata o momento non puido determinarse con exactitude a orixe do derrame, polo que realizarán novas inspeccións no marco da investigación "para esclarecer a causa do episodio contaminante, atallar o derrame e depurar posibles responsabilidades". As dilixencias elaboradas polos técnicos de Augas de Galicia, que levan a cabo tarefas de vixilancia na contorna, foron remitidas ao Concello da Pobra. Pola súa banda, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade realizará unha visita á antiga fábrica, en cuxa contorna foron despregados durante a tarde do domingo barreiras anticontaminación para limitar a expansión da vertedura.

Antigas instalacións de Fariñas do Atlántico (Hadasa), na Pobra do Caramiñal
Antigas instalacións de Fariñas do Atlántico (Hadasa), na Pobra do Caramiñal | Fonte: G24 - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta