Por E.P. | A CORUÑA | 29/11/2019 | Actualizada ás 14:38
O portavoz municipal do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, instou ao goberno local a esixir a Albada --a empresa concesionaria da planta de tratamento de lixos de Nostián -- que cumpra "coas súas obrigacións" ante o conflito laboral na empresa e a súa negativa a recoller os residuos dos concellos do Consorcio das Mariñas.
Jorquera, xunto á concelleira Avia Veira, participou na protesta secundada por traballadores da planta tras o anuncio da empresa dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) para o 40% do persoal a partir do 1 de xaneiro, data na que prevé deixar de recibir os residuos dos municipios do Consorcio.
Sobre este conflito, no que os traballadores demandan interlocución co goberno local, o concelleiro nacionalista asegurou que non chega con que o Consistorio herculino "impoña a Albada multas de 3.000 euros cada dous días se a concesionaria deixa de recoller o lixo aos concellos do Consorcio das Mariñas".
Por iso, instou ao goberno local a utilizar "todas as ferramentas ao seu alcance" para obrigar a empresa "a que cumpra coas súas obrigacións e non atente contra os dereitos do cadro de persoal". Ademais, indicou que o prego de condicións do contrato para a xestión da planta inclúe "a intervención, o secuestro da concesión, pór a planta baixo as ordes directivas do concello", sinalou a este respecto.
Mentres, desde a CIG denunciouse o intento da empresa, do grupo Urbaser, de aplicar "un paquete de recortes" con modificación "substancial" das condicines laborais. Tamén denuncia a "inacción" do goberno local, lembrando, ademais, a convocatoria de folga indefinida a partir do 8 de decembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.