Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/12/2019 | Actualizada ás 14:00
Coa perspectiva do tempo ás costas, a maneira en que hoxe a sociedade ve e entende a Constitución é moi diferente de como a vía e entendía naquel ano 78 en que sete señores ben traxeados afrontaban o reto de redactar a norma suprema do ordenamento xurídico do Estado. Facíano aínda co pouso pesado do franquismo sobre as ombreiras. A pluma que escribía aquelas leis tiña moi recente unha ditadura e por diante a xestión dun momento convulso, histórico, de cambios: a Transición, unha Transición que non se sabe aínda hoxe ata que punto foi tal Transición.
Aquel texto nacía un 6 de decembro, tal día coma hoxe 41 anos atrás, para construír os alicerces da democracia na que agora vivimos. No seu momento cumpriu coas súas necesidades, mais na actualidade son moitas as persoas que defenden unha reforma que a adapte aos novos tempos. Nestes últimos anos, a Constitución anda na boca de todos, mais ninguén deu aínda o paso de abordala dende perspectivas diferentes. Das súas fortalezas e das súas eivas falan aquí catro persoas expertas na materia: Carlos Pereira e José Julio Fernández Rodríguez, catedráticos de Dereito Constitucional na USC; Xosé Mosquera, histórico galeguista e profesor universitario en Ourense; e Paz Filgueira, xuíza especializada en violencia de xénero.
UN BARCO QUE SÓ NAVEGA EN AUGAS MANSAS
"A Constitución do 1978 é coma un barco que con boa mar, ou cun pouco de mareira, vai indo, pero cando vén a gran borrasca do suroeste, non dá feito". Así é como a define o catedrático Carlos Pereira, que argumenta que a principal fortaleza do texto foi a Transición: "Ningún gran grupo social, ningún territorio, se sentiu particularmente ferido nin perseguido". Segundo di, entre as súas páxinas hai unha boa manchea de artigos que son bos e que non se deben descartar. Semellante pensa José Julio Fernández, que asegura que foi válida e que o segue sendo "en grandes partes".
Seguindo a metáfora do mar, a Constitución axiña se atopou con 'marexada a forte marexada': redactada nun momento determinado e con vocación de futuro, deu con varias cuestións inmediatas que cambiaban o seu senso, entre elas, a entrada na Unión Europea. Isto mudou as competencias e facía preciso unha reformulación. "Hai cousas que co tempo non colleron obsolescencia política, pero outras, en cambio, si", pensa Xosé Mosquera.
Entre as que si, os catedráticos crean unha longa lista: a reforma do Senado, a clarificación dos repartos competenciais, a inclusión da vontade europeísta, o recoñecemento do pluralismo xurídico, político e territorial; a garantía da separación de poderes, a inclusión da perspectiva de xénero e da sostibilidade ambiental ou a adecuación á nova realidade dixital. José Julio Fernández cita tamén outras duas cuestións máis concretas: eliminar a preferencia do varón sobre a muller no artigo da sucesión da Coroa (57.1) e suprimir a denominación de 'diminuídos psíquicos, sensoriais e físicos' para se referir a persoas con diversidade funcional no artigo 49.1.
Vontade de revisión non albiscan. José Julio Fernández defende a non reforma se non hai acordo suficientemente amplo e Paz Filgueira cre que non existe ningún partido a nivel estatal que plenamente considere que o seu electorado queira unha reforma constitucional. "A día de hoxe algún aínda segue pensando que xa cedeu moito daquela, e polo tanto invoca a non modificación", pensa Xosé Mosquera. Todo é cuestión de querer... "Cando os que mandan queren, como foi co artigo 135, fano en 15 días e en pleno verán", di Pereira.
PERSPECTIVA DE XÉNERO
A carta magna cita só dúas veces as mulleres. No 1978 a igualdade dábase por feita. A perspectiva de xénero nin se plantexaba e a voz cantante levábana eles, cousa que repercutiu na súa construción. Paz Filgueira fala claro ao respecto: "É unha redacción absolutamente masculinizada. Daquela non había lei de paridade e no Congreso non creo que houbera máis ca unha deputada. Merece un estudo sensato e rigoroso". Pide, como mínimo, o emprego dunha linguaxe inclusiva e a adaptación ao Convenio de Estambul, máis considera que a incorporación da perspectiva de xénero transversal a todos os contidos esixe un "traballo serio por parte de persoas moi cualificadas".
Xosé Mosquera tamén apela a mellorar a Constitución neste sentido para camiñar cara a igualdade real. "A linguaxe inclusiva é básica para a normalización social e da vida política", considera. Tamén defende a necesidade de desenvolver fórmulas de discriminación politiva para lograr canto antes esta loitada igualdade. Carlos Pereira adopta unha postura algo diferente: "Dubido que por reescribila de xeito que sempre poña 'deputados/as' se gañara moito na submisión do poder ao Dereito, na división de poderes ou no dereito de participación. Unha Constitución que teña vocación de se dirixir a toda a poboación, non debe asumir un plantexamento que non todos teñen a obriga de compartir".
NOVAS TECNOLOXÍAS
O entorno dixital actual é outra das cuestións pendentes, aínda que tampouco sobre isto existe consenso absoluto. Segundo Xosé Mosquera hai que adaptala, mais "a realidade constitucional está lonxe diso". José Julio Fernández considera, igualmente, que debería contemplar certas garantías para exercer os dereitos no ámbito dixital, non só no analóxico. "Ampliar a protección de datos, delimitar a robótica e a intelixencia artificial, ordenar a seguridade en sentido informático, protexer os menores no ámbito tecnolóxico... Sería interesante e avanzado introducilo no texto constitucional", sentenza.
Hoxe en día as novas tecnoloxías atravesan as nosas vidas de principio a fin. Con todo, hai quen non considera a Constitución o lugar idóneo para fixar certos dereitos relacionados co entorno dixital. Carlos Pereira ten claro que "non se lle pode pedir iso a unha carta magna que teña vontade de durar" no tempo. Ademais, pensa que cos seus actuais artigos "xa poderían razoablemente facer fronte a estes desafíos". E remata argumentando: "Se os que mandan están rendidos diante das novas tecnoloxías, por agresivas que sexan para as liberdades persoais, de pouco serviría outra redacción ou outro texto constitucional".
O certo é que o novo entorno dixital tamén modifica os parámetros da liberdade de expresión, outro dos temas problemáticos. É quizais neste punto onde a Constitución menos se cumpre. O ditado da chamada Lei Mordaza colisiona de fronte co texto. Segundo Carlos Pereira é "impresentable" dende un punto de vista constitucional e para Xosé Mosquera "reduce a calidade democrática" do Estado. A nivel social, a carta magna tamén queda curta, considera Filgueira.
DIVERSIDADE TERRITORIAL
Este é o punto máis conflitivo e entorno ao que discorre boa parte da axenda política da actualidade. A distribución de competencias territoriais, a corrección de desequilibrios e a aceptación da diversidade de identidades e sensibilidades dentro do Estado segue sendo un reto ao que non se deu unha resposta adecuada. "Os acontecementos actuais evidencian que, sobre todo no marco da financiación e independencia dos territorios históricos, a Constitución precisa dun replantexamento rigoroso e serio", remarca Paz Filgueira.
Carlos Pereira pon o foco nun "furor recentralizador" ao que tamén fai referencia Xosé Mosquera: "Dende o interior - Madrid - teñen que facer o esforzo de entender que existe un territorio que é diverso. A diversidade non é un problema, é unha riqueza, mais aínda non deron o paso de asumila", asegura. A raíz das loitas catalás polo dereito da autodeterminación e a independencia, semella que o 'constitucionalismo' do que tanto se fala se converteu nunha "palabra-arma", defende Pereira. Cuestión que tamén percibe Mosquera: "hoxe en día hai un auténtico manoseo constitucional".
"Se isto non se revisa, no canto dunha vía, pasará ser un valado", sentenza Pereira. Hase ver que acontece no futuro: deixará de ser a solución para ser parte do problema? Serao xa?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.