O comité de intervención fronte ao acoso laboral recibiu 38 denuncias en tres anos

O BNG insta o Executivo autonómico a mellorar o protocolo de actuación ante casos de acoso laboral na Administración galega.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2019 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

O comité de intervención creado co Protocolo posto en marcha pola Xunta para facer fronte a posibles casos de acoso laboral e discriminación no traballo recibiu un total de 38 denuncias en tres anos, das que 28 xa foron resoltas e outras 10 seguen en investigación.

Diso informou este mércores no Parlamento de Galicia a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, que deu resposta na comisión institucional a unha pregunta formulada polo deputado do BNG Luís Bará.

Na súa intervención, Natalia Prieto precisou que das 28 denuncias resoltas, 11 delas foron arquivadas ou non admitidas. Pola súa banda, dos 17 asuntos restantes nos que o Comité de intervención emitiu unha valoración, só en dous casos se instou a incoar información reservada e, de ser necesario, a iniciar os procesos para esixir responsabilidades.

A directora xeral destacou que a Xunta garante a protección das persoas empregadas públicas ante situacións de acoso laboral e outras discriminacións para o que lembrou a posta en marcha en 2016 do protocolo específico para a prevención do acoso laboral.

Segundo indicou, as solicitudes de intervención para a resolución de supostas situacións destas características pódense presentar ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería con competencias en materia de persoal ou no propio Comité de intervención.

A directora xeral explicou que este órgano tamén formula recomendacións e medidas preventivas e correctoras nos distintos departamentos, aínda sen existir acoso laboral, co obxectivo de previr e evitar estas situacións.

PRAZO MEDIO

A directora xeral tamén sinalou que o prazo medio de tramitación das 28 denuncias resoltas foi duns catro meses, de forma que, segundo indicou, cúmprense os "tempos máximos de seis meses" marcados no protocolo para emitir o informe correspondente.

Natalia Prieto precisou que, inicialmente, o protocolo establecía un prazo de 30 días para facer o informe pero que, a petición das organizacións sindicais, levou a cabo esta ampliación que foi votada de forma favorable por todas elas.

O BNG PIDE A MELLORA DO PROTOCOLO

Pola súa banda, o deputado do BNG Luís Bará considerou necesario que a Xunta mellore o protocolo de actuación para facer fronte ás denuncias por acoso laboral na Administración pública que, na súa opinión, debe pasar por mellorar a formación específica das persoas responsables de detectar e atallar os casos.

O parlamentario nacionalista avogou pola "revisión" do protocolo para evitar as demoras na investigación ao tratarse de cuestións de moita gravidade. "O tempo medio de catro meses parécenos excesivo dada a gravidade das situacións e hai que tender a reducir eses prazos", manifestou.

E é que, conforme sinalou, "ata hai un caso no que se tardou cinco meses en admitir a trámite a denuncia", un atraso que cualificou de "escandaloso".

Pleno no Parlamento galego.. XUNTA
Pleno no Parlamento galego.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta