Por Europa Press / Redacción | VIGO | 17/12/2019 | Actualizada ás 17:29
As firmas galegas Atendo, Balidea, Ledisson e FrutoDS, coa colaboración de Afundación, as tres universidades galegas, o centro tecnolóxico Gradiant e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), traballan no desenvolvemento dun robot para "acompañar" a persoas maiores, coas que poderá interactuar, e que ten como obxectivo permitir aos usuarios que manteñan a súa calidade de vida e a súa autonomía na súa propia contorna.
Os avances deste proxecto, bautizado co nome de NETAV3A, foron presentados este martes en Vigo, nun acto no que o seu cordinador, Luís Barros, explicou que o robot será unha realidade a finais de 2020.
O robot 'Neta' é unha ferramenta destinada a persoas maiores de 55 anos, que vivan soas ou en parella, e coas que se comunicará en castelán e en galego a través da voz. Ademais de axudas como lembrarlles a toma de medicación ou unha cita médica, o robot poderá interactuar con eles, "acompañarlles" e axudarlles a manter unha vida activa, así como activar mecanismos de axuda no caso de que as persoas tivesen un accidente en casa.
"É un robot de apoio para que as persoas maiores poidan manterse na súa contorna e vivir a vida que queren vivir", salientou Barros, quen engadiu que 'Neta' é un elemento "amigable", baseado no modelo da Atención Centrada nas Persoas (ACP).
Para o desenvolvemento deste proxecto, os seus promotores contaron coa participación de voluntarios do Espazo +60 de Afundación, que colaboraron para axudar na creación do 'corpus' conversacional do robot e o seu conceptualización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.