Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 19/12/2019 | Actualizada ás 20:17
A exconselleira e actual portavoz do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, Beatriz Mato, ademais de deputada no Parlamento galego, deixa a política, segundo confirmaron a Europa Press fontes do partido.
O anuncio fíxoo na reunión do comité executivo local, que se convocou este mesmo xoves por parte da formación, unha convocatoria fixada a partir das 19,00 horas.
Beatriz Mato toma esta decisión despois de optar como candidata á Alcaldía da Coruña nas últimas eleccións municipais, nas que o PP non obtivo o número necesario de edís para poder conformar goberno.
Ante o comité executivo, a tamén presidenta do PP local coruñés ratificou que se retira da política activa por motivos persoais, para dedicarse á súa familia, pero tamén para ser "coherente" consigo mesma. "A política debe ser algo transitorio", argumentou Mato, quen trasladou a súa disposición de dedicarse de novo á súa profesión.
No seu discurso, aproveitou tamén para dar as grazas aos seus compañeiros de partido e polas "mostras de apoio" recibidas nestes anos. Ademais, fixo un repaso ás súas distintas responsabilidades políticas, agradecendo o presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que confiase no seu momento nela.
Particularmanete, agradeceu tamén a posibilidade de poder exercer "a política con maiúscula", expuxo sobre a súa presenza na política municipal a actual portavoz do PP no Consistorio.
A súa decisión de abandonar a política activa comunicouna ao comité executivo tras trasladalo, previamente, aos presidentes autonómico e provincial, Alberto Núñez Feijóo e Diego Calvo, respectivamente, segundo informou o PP da Coruña.
TRAXECTORIA
Nada en Barakaldo (Biscaia) en 1965 e licenciada en enxeñaría industrial, en 1994 pasou a formar parte do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no que, a partir de 2000, exerceu como delegada da oficina territorial na Coruña.
No ano 2002 incorporouse á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos como delegada provincial na Coruña. Desde 2009 ata 2015 foi conselleira de Traballo e Benestar e en outubro dese mesmo ano asumiu, ata 2018, o cargo de conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Posteriormente, deu o paso á política local.
Afiliada ao PP de Galicia desde o ano 1995, foi presidenta do PP local da Coruña desde 2017. Ademais, desde 2005 foi deputada no Parlamento galego.
Tras a súa decisión de deixar a política, renunciará a estes cargos, así como a súa acta de concelleira. "Nos próximos días presentará formalmente as renuncias", precisaron as fontes consultadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.