Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2019 | Actualizada ás 17:11
Unha avaría nunha catenaria obrigou a deter na localidade ourensá de Rubiá un tren que cubría na tarde do martes a ruta entre Ponferrada e Vigo.
Segundo informou o CIAE 112 Galicia este mércores, a empresa encargada da infraestrutura férrea informou de que a incidencia tivo lugar ao quedar enganchado o pantógrafo sobre o punto quilométrico 283,8 da liña, preto de Quereño, sobre as 21,00 horas.
Con todo, ningunha das persoas que viaxaban no tren resultou ferida. Estes pasaxeiros foron trasladados en autobús ata o seguinte apeadeiro, onde outro convoi os levou ata Monforte (Lugo) para poder continuar a súa viaxe.
Debido á incidencia, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención da Garda Civil, dos Bombeiros e do GES de Valdeorras. Persoal de Adif traballa para recuperar o servizo, que mantén interrompida a liña.
OUTRAS LIÑAS AFECTADAS
Segundo informaron a Europa Press fontes de Renfe, esta avaría motivou que outros trens se visen afectados. Este é o caso do Alvia que este mércores tiña previsto saír ás 8,05 horas da Coruña con destino Barcelona.
Así, debido á incidencia, estas fontes explicaron que os 61 pasaxeiros foron trasladados desde a cidade herculina ata Ponferrada en autobús, desde onde continuaron a súa viaxe noutro convoi cunha demora de 80 minutos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.