A axenda de Mariano

No 82 a dereita irritábase porque os xornalistas progres tiñan a ousadía e mala educación de tutear ao presidente do Goberno: “Felipe, ¿ti que pensas de Solchaga?”, “compañeiro Felipe, ¿como ves o dos estaleiros de Ferrol?”. Todo con moito compadreo. Logo veu Aznar e restableceuse a orde e o vostede: ninguén ousaba chamarlle Josemari, salvo a súa muller, Jordi Pujol e Bush, todos eles na máis estrita intimidade. Con ZP a cousa revolucionou do colegueo da cella e o sorriso aberto ao rostro impávido e a xordeira, daba igual tratarlle de ti ou de vostede: non sabe, non contesta.

Por Valentin Carrera | | 23/08/2012

Comparte esta noticia

 

A familiaridade acentúase si vas a Sanxenxo, a nova Xerusalén, onde Rajoy é de casa de toda a vida: non hai bar no que non tome unha cervexa, nin ama de casa que non llo cruzou na peixería nin paisano que non estivera con el nas touradas de Pontevedra. “¿Eu con Mariano? ¡Íntimos!, almorzaba en casa un día si, outro tamén”.

De maneira que, coincidindo co Ramadán de agosto, por ver si atopaba a sandalia do profeta Mariano, achegueime a “Sangenjo”. Na praia que o presidente do Goberno frecuenta, estaba a súa dona –os achegados chámanlle “simplemente Viri”-, cos nenos: unha turba chea de furor empezoulles a abuchear e tiveron que abandonar a praia.

Cando contei este episodio ás miñas fillas, opinaron que non está ben, que os fillos non teñen culpa das cousas que fagan os pais e que esa apupada a muller e nenos é inxusto: comparto o sentido común das miñas fillas. Mais, atentos á próxima campaña electoral: personaxes como José Luís Méndez e Salvador F. Moreda –capitostes de Caixa Galicia- xa foron abucheados en restaurantes e apenas poden saír á rúa. Moitos políticos non se atreverán en campaña a repartir bicos nas residencias de avós aos que acaban de recortar a pensión ou que perderon todos os seus aforros nas preferentes.

Esquilmados polas preferentes que levaron a súa protesta ao corazón de Sanxenxo: para entón Rajoy e a súa familia xa estaban veraneando no palacete das Marismiñas en Doñana; eu cría que iso só o facían os corruptos presidentes socialistas, pero xa ves.

Total, que estaba eu con Mariano –aínda que a min gústame chamarlle respetuosamente Presidente- tomando unhas birras en Silgar cando lle chamou Obama e fóronse a charlar e tal; e deixou a axenda sobre a barra. Non puiden conter a miña curiosidade e cotilleé por ver si tiña algunha pista sobre as eleccións galegas. Desvelo aquí en exclusiva os datos da axenda do Presidente sen máis comentarios: “23 de agosto, Supercopa Madrid-Barça. 28 de agosto, Volta Ciclista en Sanxenxo. 15 de setembro: partido Nadal-Djocovic. 25 de Novembro, Madrid-Barça” e unha anotación a man “si Alberto non o estropea todo”. @Tornarratos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].