Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2020 | Actualizada ás 14:43
A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago manterán unha reunión a próxima semana para tratar cuestións relativas á regulación das vivendas de uso turístico, unha materia na que o goberno local proporá a creación dun "equipo de traballo" que permita realizar actuacións coordinadas.
Así o confirmaron este venres o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a preguntas dos medios sobre a situación deste tipo de establecementos na cidade. En concreto, Román Rodríguez asegurou que o seu departamento manterá "de forma inmediata" unha reunión co concello para "coordinar as actuacións necesarias nesta cidade" no ámbito dos pisos de uso turístico.
Pola súa banda, Sánchez Bugallo indicou que ambas as administracións mantiveron xa unha reunión antes de final de ano para "buscar coordinación" na materia.
No encontro da próxima semana, indicou, confían que se constitúa o equipo de traballo proposto polo goberno local para "coordinar a actuación de ambas as administracións e establecer criterios de actuación" comúns. "Non podemos estar a traballar en sentidos contrarios", dixo o rexedor.
Noutra orde de cousas, lembrou que xa está en vigor a moratoria para non autorizar novos pisos turísticos en Santiago e precisou que os servizos xurídicos municipais revisarán agora individualmente as peticións chegadas antes da entrada en vigor para "ver que solución se lles dá".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.