Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2020 | Actualizada ás 19:09
O Concello de Ames acolleu este martes unha nova reunión do grupo Compostela Rupestre, co obxecto de dar o visto e prace ao informe que detecta as necesidades "máis urxentes" dos bens patrimoniais dos cinco municipios incluídos. Así mesmo, no encontro acordouse acelerar a elaboración dun plan de xestión co fin de asentar a constitución do parque arqueolóxico.
O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable de Turismo, Xosé Regueira, e o deputado Xosé Lois Penas, ademais de persoal técnico do departamento de turismo, participaron no encontro xunto con representantes dos cinco concellos.
No encontro presentouse o informe final elaborado pola empresa Horizonte Norte por parte do arqueólogo director, Mario César Vila, que explicou as liñas fundamentais dun documento que detecta as necesidades "máis urxentes" dos bens patrimoniais de Compostela Rupestre.
O presidente do Consello de Dirección de Compostela Rupestre, David Santomil, apuntou a "necesidade de preservar a seguridade dalgúns dos bens patrimoniais" da área, en especial despois das agresións producidas nalgúns dos petróglifos do territorio, como foi o caso do de Vilar en Ames no ano 2013 ou do petróglifo do Castriño de Conxo en 2019.
O informe presentado por Mario César Vila contempla a revisión documental, catalogación e selección de cara á posta en valor e adquisición de terreos dos petróglifos e xacementos rupestres catalogados nos cinco concellos integrantes da mancomunidade da comarca de Compostela.
O documento será a base para a elaboración dun plan de xestión para conservar e difundir a arte rupestre nos cinco concellos, financiado e promovido pola Deputación da Coruña, que será obxecto de licitación neste ano 2020.
O equipo responsable do traballo detectou tamén petróglifos inéditos e propuxo medidas correctoras urxentes como a limpeza de vexetación da contorna, información aos propietarios da existencia dos bens, fotogrametría de detalle e a diagnose dos elementos e propostas de conservación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.