Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2024 | Actualizada ás 12:21
O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle na súa publicación deste mércores a inclusión do esgrafiado galego, técnica tradicional de albanelaría para decoracións, no Censo do Patrimonio Cultural como manifestación do patrimonio cultural inmaterial por representar un código de comunicación "complexo", que revela "unha tradición e a continuidade dunha identidade".
Segundo recolle o DOG, trátase dunha técnica tradicional de albanelaría para a execución das decoracións sobre os morteiros de cal, dunha especial complexidade, resultante da aplicación dunha segunda tongada de revogo, en que se trazan debuxos con grafio, coitelas ou cucharín, retírase con raspado a capa superficial antes do seu endurecemento e queda ao descuberto a tongada inferior, mostrando así diferente cor e textura.
Os esgrafiados, así como o resto de decoracións en cal, proliferan por todo o territorio de Galicia, aínda que teñen máis presenza no sur e no leste do país, especialmente entre as provincias de Lugo e Ourense. Isto explícase por ser nestas áreas maioritarias as construcións en mampostería, fronte á menor presenza de sillar ou cantaría, polo que se acomoda para o acabado do muro, co fin de corrixir irregularidades e dignificar as fachadas.
"Estamos diante dun código de comunicación complexo, que revela valores estéticos e sociais, unha tradición e a continuidade dunha identidade e, de maneira moi evidente, sinala relacións coa paisaxe, co medio das aldeas no que se habita", remarcan na publicación. Para a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, esta técnica conforma "un dos exemplos de técnicas, coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional e a relación das comunidades co medio para a creación da súa paisaxe".
"O coñecemento do material e a habilidade dos procesos adecuados para a súa execución, posúen unhas características propias e reconocibles, que conforman unha estética singular de gran beleza", destacan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.