O Plan de Xestión dos Penedos de Pasarela e Traba, paisaxe natural protexida dende 2008, entrará en vigor en 20 días

Está dotado con 600.000 euros para medidas como eliminar especies invasotras, plantar árbores autóctonas ou inventariar a toponimia.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 13/11/2024 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este mércores a posta en marcha do Plan de Xestión dos Penedos de Pasarela e Traba, o primeiro que se aproba en Galicia para garantir a protección e conservación dunha paisaxe protexida. "Vai permitir contar cunha planificación e un orzamento para aproveitar e coidar ao máximo este espazo", proclamou, durante unha visita a este macizo localizado entre os municipios coruñeses de Laxe e Vimianzo.

Este é un espazo natural único pola singularidade e valor da súa xeomorfoloxía, pola riqueza da súa biodiversidade e pola súa situación xeográfica, que o converte nun balcón natural cara ao Atlántico. Por iso, durante o percorrido pola zona (no que estivo acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez), Rueda destacou a importancia de contar cun plan de xestión para "sinalizar, ordenar e promover este espazo como un recurso turístico". Nesta liña, indicou que Os Penedos identifícanse co turismo polo que aposta Galicia: "sustentable, de paisaxe e respectuoso co medio".

O plan de xestión (publicado este mércores no Diario Oficial de Galicia e que entrará en vigor en 20 días) busca definir cales son os principais valores da zona a protexer, os posibles riscos, así como regular os usos e actividades que se poden realizar neste espazo natural. Está dotado de case 600.000 euros e inclúe case unha trintena de medidas tanto para preservar o espazo natural como para promocionar e difundir a súa singularidade e importancia.

INICIATIVAS

Entre as iniciativas que se van a levar a cabo estará a plantación de árbores autóctonas, a eliminación de especies invasoras, o inventariado da toponimia e as lendas da zona, a limpeza e conservación dos viarios, a instalación de novos paneis informativos e mellora da sinalización. Tamén inclúe estudos sobre os efectos do cambio climático neste espazo ou a posta en marcha de visitas guiadas da man dun xeólogo e a elaboración de novo material divulgativo, entre outras accións.

Os Penedos de Pasarela e Traba, declarados paisaxe protexida no ano 2008, conforman un territorio constituído por un conxunto de elevacións graníticas que se prolongan durante 2,5 quilómetros de norte a sur, entre os concellos de Vimianzo e Laxe. O conxunto destaca polo seu valor científico, xa que permite coñecer a evolución da paisaxe nesta zona pola súa biodiversidade.

Rueda visita Os Penedos de Pasarela e Traba
Rueda visita Os Penedos de Pasarela e Traba | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta