Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2020 | Actualizada ás 08:10
Unha Carapuchiña Vermella actualizada e reivindicativa faise coas rúas de Pontevedra, A Estrada e Cangas. Trátase dun proxecto dun grupiño de tres rapazas estudantes de Belas Artes que, no marco dun traballo de aula, decidiron crear un fanzine que chegara á veciñanza dos lugares onde ten lugar o evento.
Traballaron man a man con persoas ilustradoras que colaboraron no proxecto: Jade Fernández, Jacobo García, Neliana Solberg, Uxía Francisco Rial, Supra, Giada María La Piana, Nicolás López Da Motta e Alex García Domínguez. Todas elas debuxaron un total de nove carteis que colocaron en lugares estratéxicos de cada un dos tres espazos escollidos para desenvolver o proxecto.
A través dun mapa que te guía polos diferentes puntos, o espectador poderá ir fiando a historia. "É unha nova versión da Carapuchina Vermella", contan as impulsoras. "Abordámola dende a actualidade dos asaltos sexuais". Co debuxo como fío condutor, esta historia rimada vai contando dunha forma delicada, para todos os públicos, "como obrigan a esa Carapuchina a facer cousas que non quere". "Reflexionamos sobre este tema poque non está ben que estas cousas sigan acontecendo", sentenza unha das autoras do proxecto, Tania Neira.
Se ben esta é a súa primeira vez xestionando un evento, a boa acollida non se fixo esperar. De feito, ata presentaron o proxecto a un evento de fanzine. "No último cartel aparece un código QR que te leva directamente ao proxecto en dixital". Pica a curiosidade de se adentrar na historia, non si?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.