Dixitalización, automatización e robótica avanzada: retos que encara a frota de investigación europea

Un encontro organizado por Cetmar constata a necesidade de reforzar a colaboración entre industria, ciencia e administracións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2020 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

A dixitalización, automatización e robótica avanzada así como o uso de combustibles alternativos e novas fontes de enerxías renovables preséntanse como os principais retos aos que se enfronta a frota de investigación europea para seguir desenvolvendo o seu labor no medio mariño.

Así se comprobou esta semana nun encontro organizado pola Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, na súa sede en Vigo. Alí, máis de 60 expertos da industria, as universidades e os centros de investigación coincidiron en que "os retos futuros requirirán dunha importante adaptación en asuntos como a formación e o emprego".

En canto ao investimento, que se presenta como outro dos desafíos do sector segundo informou o departamento de Mar da Xunta, o encontro constatou a "necesidade de reforzar a colaboración entre industria, ciencia e administracións para avanzar neste sentido".

Ademais, permitiu " comprobar" a aposta realizada polo sector de construción naval galego polo mercado deste "tipo de embarcacións".

NECESIDADE DE REFORMAR A FROTA ACTUAL

A xornada, apoiada polo proxecto europeo 'Mates', que está cofinanciado polo programa 'Erasmus+', centrouse na análise dun documento sobre "as capacidades, equipos e xestión" das embarcacións actuais á vez que "mira cara o futuro" para que "a frota europea poida seguir brindando o mesmo nivel de apoio á ciencia".

Neste sentido, a directora xerente de Cetmar, Paloma Rueda, incidiu en "mellorar as condicións técnicas e tecnolóxicas da frota actual para afrontar os desafíos futuros da investigación" xa que, engadiu, "hai buques oceanográficos que están preto de esgotar a súa vida útil".

O documento, realizado pola European Marine Board (EMB) e a asociación de operadores europeos de buques de investigación (Ervo), analiza tamén o papel da frota no "contexto máis amplo" das observacións oceánicas e o Sistema Europeo de Observación do Océano (EOOS) e "explora fórmulas para lograr maior eficiencia a escala local, rexional e europea" das infraestruturas.

Encontro do sector da investigación marítima no Centro Tecnolóxico do Mar, en Vigo.. XUNTA
Encontro do sector da investigación marítima no Centro Tecnolóxico do Mar, en Vigo.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta