Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 26/01/2020 | Actualizada ás 17:05
ZP non soubo ou non puido trasladar a maioría progresista no Congreso estatal entre 2004 e 2011 ao Tribunal Constitucional. E isto explicou a sentenza de xuño de 2010 que decretou a inconstitucionalidade dos principais avances do nou Estatut, anulando a lexítima decisión da cidadanía catalá no referéndum estatutario de 2006. Unha decisión que o constitucionalista Pérez Royo coida que determinou a ruptura da legalidade constitucional na Catalunya.
Entre primeiros de 2012 e fins do 2015 tivemos un Goberno estatal do PP con cadansúa maioría absoluta en ambas as dúas Cámaras estatais. Rajoy non perdeu o tempo e ampliou a maioría do PP no Tribunal Constitucional (TC) , ao tempo que consolidou unha anovada maioría hexemónica no Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).
Dende fins do outono do 2018 o CXPX segue en funcións, malia caducar o seu mandato. Porén, manteñen plenos poderes para elixir novos Presidentes de Audiencias Provinciais, Salas da chamada “Audiencia Nacional” (AN) e Tribunais Superiores, canda maxistrados do Tribunal Supremo (TS) e da AN.
Velaí dous graves problemas constitucionais: i) O primeiro a politización partidista da AN, TS, TC e Tribunal de Contas, canda o propio goberno do Poder Xudicial e o control da Fiscalía Xeral do Estado polo Goberno; ii) O segundo a disociación entre a maioría parlamentaria progresista estatal e estas ferreñas maiorías da dereita no goberno xudicial, que consolidan e amplían o seu control sobre o TS, o TC e outras Cortes de Xustiza chaves polas decisións que adoptan. Para mostra velaí a decisión da Sala do Contencioso_Administrativo do Tribunal Supremo rexeitando a medida cautelar de suspensión do acordo da Xunta Electoral central sobre a inelixibilidade sobrevida (e, xa que logo, perda da cualidade de deputado no Parlament catalán) do President Torra.
Non son, dende logo, os únicos. O acordo do 155 e o seu validamento “a posteriori” polo TC derrogou de feito a garantía constitucional do dereito á autonomía das nacionalidades do Estado. E o TC-como aqueladamente adoita dicir Aitor Esteban(PNV)- é un árbitro caseiro que adoita resolver a prol da recentralización e da idea uninacional de España.
Pedro Sánchez e Pablo Iglesias poderían xuntar canda os partidos soberanistas e territoriais unha clara maioría que permitise aprobar leis orgánicas para resolver parcialmente esta grave situación de anomia constitucional. A dúbida é que teñan azos para facelo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.