Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 12:57
Contraminacción e a Asociación Salvemos Cabana reclamaron este mércores á Xunta que actúe para a restauración ambiental da antiga mina de Touro, así como dos cursos fluviais afectados pola súa falta de mantemento.
En senllos comunicados, ambas as entidades mostran a súa satisfacción pola decisión da Xunta de rexeitar o proxecto para a reapertura da mina nos municipios coruñeses de Touro e O Pino, debido á ausencia de "sustentabilidade ambiental".
Así, Salvemos Cabana empraza ao Goberno galego a restaurar "de maneira subsidiaria" a antiga mina de Touro --de máis de 600 hectáreas de extensión--, que foi explotada entre 1974 e 1988, a cal foi operada "ao descuberto sen ningún tipo de restauración posterior".
Deste xeito, o seu abandono "derivou na oxidación dos sulfuros metálicos presentes na mineira en contacto cos elementos e a extrema acidificación das augas de drenaxe", "xerando un problema de salubridade ambiental e un risco evidente para as poboacións limítrofes".
Por iso, Salvemos Cabana censura que a cancelación do novo proxecto para a mina "debe servir de punto de partida para que a Xunta de Galicia deixe de eludir dunha vez por todas os problemas de seguridade e restauración da actividade mineira de Touro". Lembra que a actual situación dos cursos fluviais da zona "é incompatible coa actual lexislación europea en materia de protección de augas".
"QUEDA PENDENTE A ELIMINACIÓN DA CONTAMINACIÓN"
Pola súa banda, Contraminacción alerta de que "queda pendente a eliminación da contaminación existente e a restauración ambiental dos impactos da antiga mina", pois, "a pesar de ser ilegal", "segue sen ser restaurada como correspondería".
Considera que o Executivo autonómico "debe instar a empresa a repor as condicións ambientais do medio, tal e como se recolle na lexislación". Así mesmo, Contraminacción congratúlase das loitas "gañadas" en Corcoesto e Touro, pero avisa de que hai outras en marcha en defensa do territorio en "Triacastela, San Finx, Terra Chá, Santa Comba, Forcarei...".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.