Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2020 | Actualizada ás 22:00
Os espazos non son neutros. O xeito en que foron creados e o xeito en que son habitados veñen definidos polas sociedades e os tempos. Dende a antiga Grecia, o acceso ao espazo público e á esfera social estaba reservada a un grupo de persoas determinado: o home branco, burgués, varón autónomo. Iso que se deu en chamar BBVA. E aquelas outras persoas que quedaran fóra desa norma quedaban tamén fóra da vida pública e das relacións sociais.
Se facemos correr cara adiante a máquina do tempo, debemos deternos noutro momento clave, os anos trinta. Nesta década, o manifesto A Carta de Atenas senta as bases do novo urbanismo, que queda organizado baixo unha estrita separación dos espazos segundo a súa función: para traballar, para habitar, para descansar, e vías de comunicación para conectalo todo. Unha nova formulación - tomada como referente incuestionable - que priorizaba o movemento privado e que reforzaba uns roles determinados para homes e mulleres.
Así pois, o masculino quedou adscrito á esfera pública, ao traballo produtivo e á racionalidade. O feminino, pola súa banda, quedou suxeito á esfera doméstica, ao traballo reprodutivo, ao coidado e á emocionalidade. Unha posición desfavorable que provocou a feminización da pobreza e a continuación do rol de coidadora das mulleres. Dende ese papel asignado historicamente, os espazos sempre se viviron diferente.
O CAMBIO DE PARADIGMA
Como se habitan os lugares tamén depende de quen os crea, de quen os planifica. A urbanista Amparo Casares comenta que "as cidades teñen a perspectiva de quen as deseña". Tratouse sempre duns "mecanismos de uso de poder importantísimos" que funcionaron ben como ferramenta para perpetuar actitudes.
"Urxe un cambio de paradigma que incorpore o principio de transversalidade de xénero"
Andemos de novo pola liña do tempo para parármonos agora ao redor dos anos 60. Xusto no 1961 a urbanista Jane Jacobs saca da imprenta un dos primeiros manifestos nos que avisa de que estamos creando cidades sen futuro. Nestes anos comeza toda unha corrente crítica que recoñece as desigualdades sociais no deseño dos espazos. "Desafortunadamente, a teoría sempre vai algo máis adiantada que a práctica", din as urbanistas Natalia Campos e María Ríos - esta última da cooperativa SeteOitavas -.
Implementar novas visións implica todo un cambio de paradigma "que incorpore o principio de transversalidade de xénero". "Urxe", advirten. Porque nesa mudanza van moitos dos desafíos actuais: a fragmentación social, o déficil habitacional, o impacto ambiental da urbanización e o cambio climático, as consecuencias da dispersión territorial, o declive dos centros urbanos tradicionais, a mobilidade presa do automóbil, as debilidades institucionais...
En todo isto, de cheo entra en xogo o urbanismo feminista. Un urbanismo que "avoga polo dereito á vida humana", por poñer no centro a vida cotiá dende a diversidade. Procura dar "o mesmo valor" á vida reprodutiva, produtiva, persoal e pública ou comunitaria. E para iso, cómpre atender as necesidades concretas daquelas persoas que habitan os coidados, asumidos maioritariamente polas mulleres.
CIDADES DOS COIDADOS
A "crise dos coidados" comezou coa entrada da muller no mercado laboral. O síndrome das avoas e dos avós escravos, a soidade das persoas maiores ou a transferencia dos coidados ás mulleres migrantes ou precarizadas veu xusto despois. E no deseño dos espazos tamén reside a obriga de facilitar a vida das que coidan e precisan ser coidadas.
Natalia Campos e María Ríos apuntan varios obxectivos nos que traballar neste sentido. Dar resposta ás necesidades diarias implica unha aposta pola mobilidade universal: "Diminuír o número e a distancia dos desprazamentos cotiás" mediante a creación de rutas ben dotadas, ben sinalizadas, con pavimentos axeitados e vivas -seguras-. Tamén mediante a priorización do transporte público, cuxas maiores usuarias son as mulleres. E igualmente, a accesibilidade debe estar no centro, respondendo as diversidades sociais en función da idade, das capacidades persoais...
"A perspectiva de xénero, no deseño dos lugares, marcará a diferenza"
En cuarto lugar, a seguridade. "Cando os espazos se perciben seguros e non hai risco de que ocorran accidentes, os coidados simplifícanse e as persoas máis vulnerables gañan autonomía", relatan as urbanistas. Da man da seguridade vén tamén a creación dunha rede de barrio próxima, isto é, que o entorno próximo no que vivimos albergue espazos onde realizar toda a nosa vida cotiá. Prazas, parques, xardíns e lugares colectivos "facilitan o coidado e o autocoidado". Trátase de crear un espazo público "de calidade", que as persoas sexan quen de sentir seu. "A perspectiva de xénero, no deseño destes lugares, marcará a diferenza", sentenzan as urbanistas.
E por último, Campos e Ríos apelan a mellorar as políticas de acceso á vivenda fronte á turistificación e xentrificación dos lugares. "Segundo as estatísticas, hai un colectivo de mulleres maiores empobrecidas -por non térenselle recoñecido os traballos reprodutivos aos que se dedicaron- que viven en cascos históricos e que sofren a presión derivada destes procesos". Favorecer, xa que logo, a autonomía destes grupos máis vulnerables dentro do barrio supón "garantir o seu dereito ao espazo público".
CIDADES SEGURAS: RÚAS CON OLLOS
"As agresións sexuais son a principal causa coercitiva da liberdade das mulleres no uso do espazo"
"Cando unha cidade non é segura, non é segura para ninguén; e se as mulleres nos sentimos inseguras, o problema é social, global". Amparo Casares avoga por unha cidade vital para exercer ese dereito pleno ao espazo. Concretamente as urbes galegas non son especialmente inseguras nin violentas, mais a sensación de inseguridade vén "moi relacionada co xénero e cos privilexios", comentan Campos e Ríos. As agresións sexuais son "a principal causa coercitiva da liberdade" das mulleres no uso do espazo, en especial polas noites.
É habitual que as mozas cambien os seus intinerarios máis eficientes por aqueles nos que se senten máis seguras. Ou que dependan dalgunha persoa que as acompañen. De novo neste caso, o deseño dos espazos pode axudar a reducir esa percepción de inseguridade. Por unha banda, apuntan as urbanistas, evitando que as cidades estean zonificadas e apostando por unha "mestura complexa de actividades" que permita realizar moitas tarefas cotiás no entorno próximo.
"Falamos de rúas con ollos: que vexas ben e sexas vista"
Trátase de crear "rúas con ollos": "que vexas ben e sexas vista". O deseño do propio espazo urbano debe permitir, xa que logo, a construción de zonas de boa visibilidade. E pola outra banda, cómpre potenciar a vida de barrio. "Estase a falar nestes días da proposta da alcaldesa de París: a cidade dos quince minutos. Pois é xustamente iso". É dicir, que o noso día a día se poida desenvolver dentro do barrio e que teñamos acceso a unha boa rede de mobilidade.
A MAIOR EIVA... A MOBILIDADE
"Simplemente con que deseñase a cidade unha persoa que utilizaba transporte público, sería totalmente diferente"
As tres urbanistas coincidin en que este, o da mobilidade, é un dos primeiros retos que ten por diante Galicia. A dependencia do vehículo privado e a "falta dunha rede de itinerarios eficientes e seguros para os desprazamentos a pé, en bicicleta ou en vehículos de mobilidade persoal" é a "gran eiva" para exercer a autonomía na cidade, principalmente dos colectivos máis vulnerables. Acontece o mesmo coa rede de transporte público, relegada fronte ao coche particular. "Está claro que quen deseñou a cidade pensou que as persoas se desprazaban en coche privado. Simplemente con que deseñase a cidade unha persoa que utilizaba transporte público, sería totalmente distinta", argumenta Amparo Casares.
Un transporte público que conecte os distintos centros urbanos, outro que facilite a mobilidade dentro dos propios núcleos e outro que enlace o rural galego, marcado polo seu desenvolvemento difuso, son desafíos aínda sen resposta eficiente.
NO RURAL, O DOBRE DE TRABALLO
Nas zonas rurais, os problemas poténcianse. O despoboamento ao que veñen abocadas dende hai xa ben tempo xera cada vez máis dificultades no día a día das súas habitantes. Campos e Ríos destacan por riba de todo a soidade das persoas que sobreviven nel, que en boa medida son "mulleres e empobrecidas". Xa que logo, o rural precisa, din, dunhas políticas "decididas e innovadoras". "Ao rural estáselle asignando o rol de salvagardar a cultura, coma se dun museo etnográfico se tratase, pero ben entendido, ten os alicerces necesarios para acoller as últimas tendencias dunha vida contemporánea".
"O problema está radicalizado no rural e seguramente as mulleres conten con menos ferramentas para superalo"
A resposta aos desafíos pasa, entón, pola "redefinición do propio hábitat". E tamén pola visibilización dos traballos reprodutivos e produtivos e polo emprego dos espazos por parte de todas as persoas. "Vai ao bar e mira quen está alí... O problema está radicalizado no rural e seguramente as mulleres conten con menos ferramentas para superalo", sentenza Casares.
Ela é optimista, pero tamén escéptica. "Aos profesionais do urbanismo non lles queda máis remedio que escoitarnos e aplicar a perspectiva de xénero. Sei que melloramos, pero pregúntome: se non fose tan necesario a reformulación das cidades, escoitaríannos?". E volve preguntar: "Hoxe en día son aceptadas as mulleres nas decisións importantes?, Significa poder as posicións nas que estamos?".
Quedan moitas respostas que buscar, pero o certo é que as urbanistas que traballan dende unha perspectiva de xénero levan tempo pisando firme no camiño. A fin de contas, son elas mesmas quen o deseñan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.