A esquerda augura un cambio no Goberno tras a masiva manifestación a favor da sanidade

O PPdeG respecta a protesta, pero pide "responsabilidade" aos dirixentes políticos para non deteriorar un "excelente" sistema sanitario.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2020 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición en Galicia sacaron peito da manifestación celebrada este domingo na capital galega e na que miles de persoas saíron á rúa para protestar pola política sanitaria da Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo, co peche do paridoiro de Verín --agora reaberto-- como desencadenamento da mobilización. De feito, as voces da esquerda na Cámara galega prognosticaron que o "éxito" da manifestación tamén se deixará ver despois nas urnas.

Deste xeito, un dos viceportavoces parlamentarios do PSdeG, Luís Álvarez, cualificou a protesta deste domingo como un "éxito" da "sociedade civil organizada a pesar da campaña impulsada polo PP de desprestixio como único argumento".

"Entende o Partido Popular, nesa escasa altura de miras que ten, que este movemento social ten detrás a partidos políticos da oposición e non son capaces de discernir que se trata dunha crítica absolutamente lexítima e fundada que ten detrás o apoio dos grupos da oposición", apuntou.

E é que, segundo indicou, "a situación de colapso" que vive a sanidade galega é unha "realidade porque o PP está no ámbito sanitario nun labirinto sen saída" e asegurou que o peche do paridoiro de Verín foi só un "ensaio" para ver como respondía a poboación aos hospitais comarcais.

Deste xeito, situou o Goberno da Xunta como o culpable da "situación actual" da sanidade. "Esa deterioración que ten a sanidade pública como consecuencia da falta de planificación do goberno do Partido Popular trae como consecuencia o desmantelamento de servizos que non foron capaces de tapar", subliñou.

Precisamente, a portavoz mediática do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, utilizou a expresión de "éxito rotundo" para definir a marcha que tivo lugar en Santiago de Compostela este domingo, unha "mobilización contundente" que foi unha "resposta unánime da sociedade galega e de toda a oposición no Parlamento de Galicia".

"Non imos seguir permitindo o desmantelamento da sanidade pública", advertiu a deputada de Común da Esquerda, quen afirmou que a manifestación foi "un fito importante que marca un camiño da recuperación da sanidade pública".

"CHULERÍA E PREPOTENCIA" DE FEIJÓO

Ademais, a manifestación sanitaria foi o tema principal que abordou a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, na rolda de prensa deste luns na que augurou que a "masiva manifestación se vai traducir" nas urnas nas eleccións autonómicas deste ano e deostou que a resposta de Feijóo, segundo dixo, sexa a "chulería, prepotencia, descualificacións e toneladas de propaganda".

Olalla Rodil denunciou o "recorte de 2.000 millóns de euros" na sanidade pública desde 2009 "só en atención primaria" e incidiu en que o 60 por cento dos concellos non teñen pediatra ou miles de profesionais soportan unha "precariedade laboral" mentres hai 5.000 "vacantes" no Sergas.

A dirixente nacionalista destacou que "miles de galegos volveron saír" ás rúas, fronte á "resposta de Feijóo", que é "prepotencia, chulería, descualificacións e toneladas de propaganda" nos medios, enviando "correos aos medios de comunicación, que fervían con notas de prensa tentando cantar as excelencias das políticas de Feijóo".

Polo menos, referiu, nesta ocasión "tratou de tapar con propaganda" a manifestación sanitaria, posto que o pasado ano estaba "na praza de Colón, de ganchete coa extrema dereita, entre pasodobres de Manolo Escobar".

Rodil instou o mandatario a "deixar a chulería" e advertiuno de que "non van conseguir amordazar aos profesionais da sanidade pública" nin "frear o dereito á saúde". "Reaccionan así porque están nerviosos, porque saben que a masiva manifestación se vai traducir nas urnas", concluíu.

O BNG volveu a pedir un plan urxente para a atención primaria, "reabrir 800 camas" e convocar as 5.000 vacantes" no Sergas.

"DÉCADA OMINOSA"

Pola súa banda, en en a súa intervención en rolda de prensa, o portavoz parlamentario do Grupo Mixto e líder de En Marea, Luís Villares, sinalou que a deste domingo foi "a segunda derrota severa" en relación á política sanitaria do presidente da Xunta e augurou que "preconiza a derrota de Feijóo en 2020". "Xa abonda dunha década ominosa para os galegos!", apuntou.

Villares fixouse na "rectificación" do peche do paridoiro de Verín, que era "uns malos tratos" á sanidade e "violencia contra as mulleres", e remarcou que a medida "foi vencida socialmente por unha reivindicación unánime" para unha sanidade de "acceso equitativo e universal, que remate coa precariedade do persoal".

O PPDEG: RESPECTO E PETICIÓN DE "RESPONSABILIDADE"

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, subliñou que os populares "sempre" respectan o "dereito civil" a manifestarse, pero tamén reivindicou a "excelente" sanidade pública galega e apelou á "responsabilidade" dos representantes públicos para non contribuír á súa deterioración.

"Estamos á altura dos países máis desenvolvidos do mundo", subliñou Puy, quen destacou que "sobre todo" se debe ao labor dos profesionais. Tamén destacou o incremento do gasto sanitario na Comunidade, ata superar o 40% por cento do orzamento autonómico.

Puy incidiu en que o sistema sanitario galego é "excelente" e "o que deben facer os responsables públicos" é defendelo. "Os responsables públicos temos que dar confianza no funcionamento dun sistema tan bo como as galego grazas ao esforzo, sobre todo, dos profesionais", esgrimiu.

En fronte, lembrou que os dirixentes da oposición chegaron a afirmar "cousas que non son certas" como, por exemplo, que se cobraría por ir ao médico. "Pediría responsabilidade", subliñou e volveu a pór o foco no Goberno central, ao que instou a eliminar a taxa de reposición para favorecer unha oferta pública de emprego (OPE) o máis ampla posible.

Finalmente, aludiu ás enquisas entre a poboación para alegar que a sanidade pública galega está ben valorada e concluír que, de feito, probablemente estea "no seu mellor momento".

Manifestación a prol da Sanidade Pública en Santiago
Manifestación a prol da Sanidade Pública en Santiago

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 CastelaoPaSogama

Si oh si, vai perder por unha mani de liberados... Vai perder, pero non pola mani. Aquí to dios vai poñendo a man para facer ver a súa valiosa contribución á caída de Feijoo e resultar agraciado coas derramas que se fan para os amiguiños. Non teñen remedio.