Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/02/2020 | Actualizada ás 16:42
O 84 por cento dos concellos galegos perderon habitantes en 2018. Así, dos 313 municipios, 241 pecharon o ano con saldo negativo, 53 con máis poboación e nove cos mesmos veciños que no exercicio anterior.
Segundo os datos a 1 de xaneiro de 2019 do padrón municipal que publica este luns o Instituto Galego de Estatística (IGE), A Coruña e Pontevedra concentran a maior parte dos municipios que experiementaron crecemento de habitantes con 20 e 19, respectivamente.
Por contra, en Ourense só houbo sete concellos (Allariz, Amoeiro, Baltar, A Merca, Pereiro de Aguiar, Piñor, Quintela de Leirado e San Cibrao das Viñas) con aumento de poboación, mesmo número que en Lugo (Castro de Rei, Folgoso do Courel, Lugo, Pantón, Riotorto, Sober e Burela).
Deste xeito, un total de 83 concellos ourensáns e 57 lucenses viron como caía a súa poboación en 2018, o que supón o 90% e o 85% dos municipios de Ourense e Lugo, respectivamente. Ademais, dous concello mantiveron os mesmos habitantes en Ourense, circunstancia que tamén se deu noutros catro municipios de Lugo.
Na Coruña houbo crecemento de veciños nos municipios de Ames, Ares, Arteixo, Borio, Boqueixón, Cambre, Carballo, Carral, Cee, A Coruña, Frades, Irixoa, Miño, Oleiros, Ordes, Oroso, Sada, Santiago, Teo e Vilarmaior.
Ademais, Campo Lameiro, Cangas, Gondomar, A Lama, Meis, Mondariz-Balneario, Oia, Pazos de Borbén, Pontevedra, Portas, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Tomiño e Vigo foron os concellos da provincia de Pontevedra que tiveron saldo positivo en 2018.
En canto ás sete cidades galegas, só Ourense e Ferrol experimentaron baixadas no seu padrón municipal a 1 de xaneiro de 2019. Así, a cidade naval perdeu 734 persoas mentres que na capital ourensá o descenso foi de 272.
Por contra, Vigo cun aumento de 1.722 veciños, A Coruña con 861 e Santiago con 855 rexistraron os mellores datos entre a Galicia urbana, na que Lugo (251) e Pontevedra (227) tamén experimentaron crecementos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.