Lalín internacionaliza o seu cocido, un plato para "ricos e pobres"

Nunha edición moi política, Feijóo acudiu á LII Feira do Cocido con boa parte dos seus conselleiros e do presidente madrileño, José Luis Martínez-Almeida.

Por Galicia Confidencial | Lalín | 16/02/2020 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

Lalín viviu este domingo o día grande da LII edición da Feira do Cocido, a primeira que se celebra desde a súa declaración como Festa de Interese Turístico Internacional, sendo o primeiro evento gastronómico en recibir esta distinción en España.

"A Feira do Cocido de Lalín é a feira gastronómica máis importante do mundo", asegurou durante o seu pregón a xornalista Sonsoles Ónega, que engadiu que "o porco de Lalín é un país enteiro, o mellor país enteiro, o país coa mellor receita contra a desigualdade". Neste sentido, Ónega incidiu en que o cocido é "de ricos e de pobres, o que agora se chama transversal", ironizou con que "non hai mellor pacto" que o dos seus ingredientes e con que "non ten oposición, é un cocido de unanimidade", tras o que chanceou dicindo que "habería que enviar un cocido ao Congreso antes de cada sesión de control".

LII Feira do Cocido de Lalín. XUNTA
LII Feira do Cocido de Lalín. XUNTA

Ademais da estrea do seu título de Festa de Interese Turístico Internacional, esta edición tamén trouxo a recuperación do Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido, no que foron nomeados sete comendadores, entre os que destacan a propia pregoeira; o alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida; Benedicta Sánchez, Goya á mellor actriz revelación, e o líder dos Suaves, José Manuel Domínguez 'Yosi'.

DIFUNDIR O COCIDO

No acto, encabezado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, os comendadores comprometéronse -xurando ou prometendo- a defender e difundir o bo nome do cocido de Lalín alá onde vaian, así como a degustar este prato polo menos unha vez ao ano e, se é posible, en compañía doutros comendadores.

En lugar de comprometerse a comer cocido unha vez ao ano, a actriz Benedicta Sánchez, vexetariana desde os 17 anos, comprometeuse a "axudar a potenciar os magníficos produtos agrícolas da nosa terra", tras o que concluíu cun emocionado "amo Galicia, non podería ser doutra forma". "Para min, por encima do cocido madrileño está o galego e, o que queira comer un bo cocido que veña a Lalín; esa é a miña realidade, aínda que eu non o coma", expresou Sánchez antes de ser nomeada comendadora.

Non compartiu a súa opinión o alcalde de Madrid, Martínez-Almeida, que destacou que "o cocido madrileño e o de Lalín son perfectamente compatibles", polo que negou calquera posible "conflito de intereses e propuxo deixar o cocido madrileño para os días pares e o de Lalín para os días impares".

Pola súa banda, o líder dos Suaves destacou o "orgullo" que supón ser comendador dun cocido "que degustaron na Última Cea" aínda que expresou a súa desconformidade coa obrigación para comer cocido unha vez ao ano, tendo en conta que "parece pouco".  A nómina de comendadores pechárona o historiador e cronista Daniel González Alén; o catedrático en Nutrición Gregorio Varela, e a xornalista e comunicadora lalinense Amelia Ferreiroa.

MOITOS CONSELLEIROS

Esta LII Feira do Cocido de Lalín contou coa presenza de boa parte dos membros do Executivo galego, así como do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Unha vez finalizado o acto de nomeamento dos comendadores e o pregón, a feira continuou co tradicional desfile de carrozas, que tivo como novidade a incorporación de representantes de cinco entroidos tradicionais de Galicia.

Deste xeito, o Fulión de Mormelentos de Vilariño de Conso, os Felos de Maceda, os Villaróns de Riós, o Entroido de Samede de Paderne e o Entroido de Cores de Vilanova, percorreron as rúas da localidade antes de dar paso ao momento estrela do día, coa hora da comida e a consecuente degustación do cocido

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta