Por Galicia Confidencial | Malpica | 18/02/2020 | Actualizada ás 20:45
Non haberá edición 2020 do Camiño dos Faros. Así o veñen de anunciar os trasn@s, o grupo de persoas que puxo en marcha e dinamizou este camiño que é todo un referente, xa non só en Galicia, senón no mundo. Fartos de facer de políticos e andar pregando para que as administracións se movan para conseguir a homologación da ruta GR, os trasn@s prántanse en clave de protesta.
Non é que o mellor recurso turístico da década na Costa da Morte, creado pola sociedade civil, vaia desaparecer. O Camiño dos Faros segue perfectamente sinalizado para quen queira disfrutalo. Simplemente a Asociación Camiño dos Faros non vai organizar esas multitudinarias etapas con medio millar de persoas percorrendo os cantís da comarca tal e como expresan nun comunicado publicado na web do Camiño dos Faros.
Dende aquel 2013 no que partían 7 persoas e dous cans dende Malpica, conseguiron situar a Costa da Morte na vangarda do turismo de natureza a nivel mundial. Deixando un recurso turístico de valor incalculable, que atrae a milleiros de visitantes ano tras ano, estación tras estación.
Pero o empurre da sociedade, e a potencialidade do recurso, non se veu reflectido na resposta das administracións. Apenas a Deputación da Coruña intentou apoiar durante un par de anos o proxecto de homologación da ruta de Gran Percorrido GR, pero o nulo apoio da Xunta e a vaga resposta dos 8 concellos implicados (apenas unha foto conxunta) fai que a Asociación promotora estoupe dunha vez, tras 6 anos de incansable traballo.
Os trasn@s din que a homologación é fundamental para a supervivencia do Camiño xa que non pode depender toda a vida da vontade de medio cento de integrantes. Ademais de obrigar ás administracións a manter os sendeiros limpos e sinalizados, a GR situaría a Costa da Morte en ducias de guías internacionais de sendeirismo e turismo sostible.
Do medio colaborador QPC
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.