Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2020 | Actualizada ás 20:27
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ecoembes e a Real Federación Galega de Fútbol colaborarán co obxectivo de achegar a reciclaxe e a correcta separación dos residuos a un centenar de campos e instalacións deportivas de clubs integrados nesta entidade.
Así consta no convenio asinado esta tarde no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo principal de fomentar a recollida selectiva de envases lixeiros, papel e cartón no ámbito deportivo.
A conselleira, Ángeles Vázquez, lembrou que tanto os afeccionados como os propios xogadores adoitan consumir botellas de auga e comida durante os partidos de fútbol, un costume que non hai que cambiar pero si adaptar co fin de garantir tamén nos campos uns correctos hábitos de reciclaxe.
Neste sentido, explicou que pequenos xestos como cambiar as "botellas de plástico" por outros envases reutilizables ou substituír o papel do aluminio por opcións de tea ou outros materiais para envolver o bocadillo son tamén unha boa contribución a fomentar a recollida selectiva e a concienciación da sociedade sobre o coidado do medio ambiente.
A Xunta lembrou que esta nova liña de colaboración enmárcase no convenio marco subscrito en 2017 entre a Xunta e Ecoembes (a organización que coordina en toda España a reciclaxe de envases de plástico, latas e briks) no que se fixan os compromisos e obrigacións que rexerán para ambas as partes ata o ano 2021 en relación á recollida selectiva disto tipo de residuos.
Concretamente, o acordo asinado incluirá a instalación de papeleiras e colectores especiais dentro dos campos de fútbol pero tamén na zona de vestiarios e nas cantinas, naqueles casos nos que dispoñan delas.
Ademais, Ecoembes e a Real Federción Galega de Fútbol tamén colaborarán ofrecendo charlas informativas e de divulgación en materia de reciclaxe dirixidas tanto aos seus socios como aos afeccionados.
Neste sentido, Ángeles Vázquez incidiu na importancia e no "gran impacto" que terá este convenio para achegar a reciclaxe ao mundo do fútbol profesional galego xa que, segundo lembrou, a Federación agrupa a máis de 1.200 clubs de toda a comunidade e conta nestes momentos con aproximadamente 100.000 fichas expedidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.