Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por X.M. Fernández | Manzaneda | 20/02/2020 | Actualizada ás 21:35
O Fulión, especial xeito de correr o entroido que teñen nas terras de Manzaneda, empezou a ruxir xa o 25 de xaneiro nas aldeas do lugar e terá continuidade ata o 25 de febreiro, martes de entroido. Este día faise, a partir das 11:30 h., un pasarrúas pola vila de Manzaneda con fulións locais e outros convidados para despois rematar no Pavillón nun xantar popular ás 14:00 h.
Esta vindeira fin de semana, 22 e 23 de febreiro, é unha boa oportunidade para vivir a experiencia de estar nalgún “fulión” e nalgunha “fuliada” porque concéntranse gran parte deles na recta final do entroido.
Así, pois, o 22 de febreiro, a partir das 11:30 h. terá lugar a “Fuliada da Mourela pra acá” na aldea de Requeixo. Pola tarde, visita do “Fulión de Langullo a Borruga/Cubeiros", en Borruga ás 18:00 h. e pola noite, a partir das 21:00 h., visita do “Fulión de Requeixo a Bidueira", en Bidueira e visita do “Fulión de Raigada a Vilarmeao", en Vilarmeao. E o domingo 23 outra fuliada, a “Fuliada de San Martiño” a partir das 15:00 h.
Para coñecer o que representa a mázcara para este entroido buscamos o punto de vista de Isidro, un home de 74 anos, que se vestiu e mantivo a tradición durante moitos anos. Falando con el cóntanos que “empecei a enmazcararme con 9 ou 10 anos” e que non deixou de vestirse practicamente ata que o deixou, hai uns tres. “Aos 21 anos caseime pero seguín enmazcarándome igual”, engade como detalle importante para el.
“Aos 21 anos caseime pero seguín enmazcarándome igual”
Foto de Isidro cando era novo. Foto: Isidro
Pregúntolle se lle viña de tradición familiar pero di que non, que nin o seu pai nin o seu avó eran mázcaras, e que quizais influíu algo ver ao seu irmán, pero pouco "porque marchou para fóra de mozo". Toda unha vida de mázcara e hai uns tres anos tívoo que deixar por unha operación médica, aínda así cóntame que o pasado martes 18 de febreiro volveu vestirse... “Coidado! que aínda me enmazcarei o outro día que viñeron os da Televisión de Galicia”.
Ao preguntarlle xa polo que supón facer de mázcara dinos que hai que estar en forma e levar ben o ritmo da corna e dos bombos. Di que ninguén lle deu consellos, “de ver a uns e a outros fun sacando ideas”. "O esencial para ser unha boa mázcara é bailar ben”, matiza, e lembra como anécdota que había unha muller de Manzaneda que era como unha fan del. Recoñecía que quería velo todos os anos porque era a mázcara que máis lle gustaba, que bailaba moi ben “porque bailaba sen traballo ningún” e confesáballe “non me canso de mirar para ti”. Respecto á danza xiratoria característica tamén nos di “eu daba a volta a un xeito e ao outro, e había quen só daba voltas a un xeito”. Segundo el esta virtude ten moito mérito e representa outra característica que atesouran as boas mázcaras xunto con manter os brazos en alto e o caxato en posición vertical.
"O esencial para ser unha boa mázcara é bailar ben”
Respecto da carauta, Isidro dinos que antigamente sempre se bailaba con ela, servía para que non te recoñecesen, pero despois empezouse a non levar porque se suaba moito. “Eu aínda bailei moitos anos con carauta”, engade.
Comparando aqueles tempos cos actuais dinos que igual se perdeu un pouco a esencia “porque hai menos xente nos pueblos”. “Antes había máis fulión e podía armarse calquera día da semana pero agora non porque os que fan o fulión traballan e entre semana non poden”. A realidade actual é esa, os/as mázcaras non teñen dispoñibilidade ata as fins de semana, cando antes se non era un día era outro sempre había alguén para bailar. Calquera día que se presentara podía organizarse o fulión, e o entroido era coas festas da aldea a celebración máis esperada do ano, celebración que só se suspendía, di Isidro, cando morría alguén. “Respectábanse moito os defuntos”.
Para rematar, o noso protagonista dinos que Juan, o seu fillo, é mázcara e que lle ten dado algún consello. E lembra a frase que lle escoitou a Dani “Tariro”, outra mázcara, referida a el “este foi o que nos ensinou a bailar a todos”.
FULIÓN E FULIADA
O fulión é un encontro ou visita que fai unha aldea a outra na que os compoñentes fan soar cornas, aixadas, gadañas e bombos e as mázcaras bailan ao ritmo que marcan estes instrumentos. Despois dun permiso previo en verso, e aceptada a súa entrada -tamén en verso-, faise unha ronda pola aldea dende as 21.00 h. aproximadamente ata pasadas as 00.00 h. Os veciños e veciñas anfitrións abren as súas arcas e sacan comida e bebida para toda a comitiva. A fuliada é como unha continuidade do fulión nalgunha aira onde se representan pezas teatrais satíricas e coplas referidas aos parroquianos e parroquianas: anécdotas, conflitos de parella, defectos dalgúns veciños, etc. Nestas fuliadas adoitan aparecer personaxes que hai anos que se están a recuperar como o “oso e o domador”, o “touro e o toureiro” e o “paiaso”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.