En Galicia, logo de trinta e catro anos de democracia, nunca unha muller foi candidata a Presidenta da Xunta por ningún dos partidos parlamentarios nin parece que PP, PSOE e BNG teñan a mínima intención de corrixirse. Os carteis que estes días decoran marquesinas e farolas repiten ata a saciedade os mesmos caretos masculinos de fai catro, oito ou dezaseis anos: pachis, feijóos, guillermos, marios, condes, duques e marqueses dunha política gobernada en masculino.
Das 73 candidaturas que comparecen nestas eleccións, só 16 (22%) están encabezadas por unha muller, fronte a 57 encabezadas por varóns. Todos os candidatos con algunha probable ou remota opción de goberno son varóns. ¿Seica non sería Ana Pastor mellor Presidenta da Xunta que Feijóo? Diga o que diga a manoseada democracia interna, ¿é mellor candidato Pachi que Elena Espinosa? ¿É preferible Jorquera a Ana Pontón? ¿Ten máis tirón o tándem Beiras/Yolanda Díaz que Yolanda/Beiras?
A presenza de Ana Pontón ou Yolanda Díaz na cabeza de cartel renovaría a devaluada iconografía e o discurso masculino do nacionalismo e da esquerda (¿ou é que non hai outra saída a esta crise provocada por executivos e banqueiros desde unha perspectiva de xénero?). Moitas políticas romperon con dignidade o seu propio teito de cristal, pero non conseguiron romper o teito imposto polos seus partidos, enrocados nun machismo ancestral: desde a sensata Pilar Rojo á ausente Teresa Táboas, pasando por Pilar García Negro, María Xosé Porteiro, Laura Seara, Carme Hermida, Encarna Otero...
Nas súas listas, PP, PSOE, BNG, CxG, Alternativa e SCD observan unha paridade aparente. Só a metade son estrictamente fifty/fifty. Nas outras doce candidaturas, a relación homes/mulleres é 7/5, 6/4 e ata 8/4. E este desequilibrio é sempre, inequívocamente, favorable a unha maior presenza masculina. Non hai nas súas vinte e catro listas nin un só caso no que entre os 10 ó 12 primeiros postos haxa máis mulleres que homes. Dá a impresión de que os homes fan as listas políticamente correctas e as mulleres enchen os ocos a que obriga a lei, moitas en postos de risco dependendo da nota de corte dictada pola Lei D´Hondt.
En termos de paridade, na próxima lexislatura Galicia terá un Parlamento con 60% de homes e 40% de mulleres, con tres, catro ou ata cinco grupos políticos liderados todos por señores con e sen gravata. Fronte ao cansazo que estes líderes esgotados producen na cidadanía –véxase a recente enquisa do CIS- moitos e moitas preferiríamos unha campaña liderada por Ana Pastor, Elena Espinosa, Ana Pontón, Yolanda Díaz, Teresa Táboas e… sen Mario Conde. En fin, como dirían Tip e Coll, outro día falaremos do Goberno. @Tornarratos